Tras a xornada de descanso deste martes, na que o club protagonizou a tradicional ofrenda floral á Virxe Peregrina e se celebrou unha comida de confraternización, o Pontevedra Club de Fútbol volve ao traballo este mércores coa mente posta na estrea ligueira do próximo sábado.
O once que dispoñerá Luisito sobre o terreo de xogo de Pasarón é aínda unha incógnita, aínda que o técnico de Teo empeza a telo claro despois do visto nos diferentes compromisos amigables.
Sen embargo o adestrador granate non poderá utilizar ante o Guijuelo un dos futbolistas que mellores sensacións transmitiron durante estas semanas de preparación, o dianteiro canario Borjas Martín, que arrastra un partido de sanción da súa etapa no Atlético Astorga tras ser expulsado na última xornada de liga por dobre amoestación.
Non será a única ausencia do Pontevedra, xa que Anxo tampouco estará listo para empezar a liga despois de traballar a menor ritmo que os seus compañeiros durante toda a pretempada.
Aínda que mellorado dos seus problemas de pube, que arrastra dende a tempada pasada e que se agravaron durante o play-off, o ribeirense non conta con ritmo de competición, polo que será un dos descartes na primeira convocatoria do campionato.
TRES BAIXAS CONFIRMADAS NO GUIJUELO
Pola súa banda o Guijuelo chegará a Pontevedra co menos tres baixas no equipo que dirixe o galego Rubén de la Barrera.
Os salmantinos non poderán contar conAntonio Moreno, mancado no nocello nun amigable e que aínda non se recuperou, Rubén Palazuelos, cunha rotura de fibras, e Javi Barrio, tamén por lesión.
ÁLVARO MUÑIZ RESCINDE CONTRATO
A situación incómoda en que se encontraba Álvaro Muñiz tocou á súa fin. O centrocampista asturiano tiña unha tempada máis de contrato tras conseguir o ascenso, pero ao igual que Jorge Rodríguez e Miguel Centrón, comunicáraselle que Luisito non contaba con el para a tempada inmediata. Despois de estar a realizar toda a pretempada cos seus compañeiros, pero sen participar nin un só minuto en ningún dos amigables de preparación, na tarde deste mércores o Pontevedra alcanzou un acordo co xogador para que abandone a disciplina granate.
Deste modo ponse fin a un problema, ao mesmo tempo que o Pontevedra conta cunha ficha dispoñible que lle podería permitir incorporar un xogador maior de 23 anos, en caso de consideralo oportuno, antes do próximo peche de mercado.