O Pontevedra Club de Fútbol e Borja Domínguez viron as caras este martes no Xulgado do Social 3 de Pontevedra, tras a demanda presentada polo futbolista por despedimento improcedente.
Tras meses sen acordo para pechar a saída do centrocampista de forma amigable, o caso chegou a xuízo coa celebración dunha vista oral na Parda.
No fondo da discrepancia está a cláusula de renovación automática que figuraba no contrato de Borja, que se activaba en concreto si disputaba 50 partidos ao longo de dúas tempadas (22-23 e 23-24).
"Xogou, que non disputou, 55 partidos, pero só 25 completos e menos de 32 con máis de 45 minutos", explicou na sala xudicial o representante legal do Pontevedra, o seu conselleiro Pablo Galván, entendendo que "non se acredita" a renovación ao ir contra o espírito da citada cláusula.
Ademais, defendeu, "non se lle causou prexuízo porque está nun equipo da mesma categoría", en referencia ao seu contrato actual co Coruxo, club polo Domínguez fichou no mes de setembro, e cualificou como "un erro" que Charles confirmase en rolda de prensa a renovación do xogador porque "non ten nada que ver na redacción dos contratos".
Dentro da sede xudicial, seguindo a vista, atopábase tamén o conselleiro Roberto Feáns
Por parte do futbolista compareceu representado por un letrado da Asociación de Futbolistas Españois (AFE), Alejandro Fernández, que argumentou a participación do ex-granate en 55 encontros, 30 deles na súa primeira tempada en Primeira RFEF e 25 na segunda, engadindo que "a redacción da cláusula é clara e non dá lugar a interpretación", ao non especificar que sexa necesario disputar un número de minutos determinados.
Borja Domínguez foi interrogado polas dúas partes, apoiándose nunha reunión antes do termo da pasada campaña con Charles e Enrique Mariño na que "me dixeron que daban por feito que estaba renovado e que me chamarían para o inicio da tempada".
Esa chamada non chegou e si a comunicación "o día antes" de que non contaban con el para o inicio dos adestramentos. Ademais referiuse a un encontro posterior con Jacobo Maestre tras a súa incorporación para a secrertaría técnica coa intención de "tentar negociar" a rescisión.
"Eu quería seguir no Pontevedra porque consideraba que tiña contrato e non houbo acordo", explicou Borja na súa quenda de palabra.
O centrocampista, preguntado sobre si negociara con outros equipos e en particular co Coruxo antes do inicio da pretempada, confirmou contactos pero que "moitos equipos pero se botaron atrás para asinarme" ante as dúbidas xeradas pola súa situación contractual e a pesar de crer que "teño nivel para estar noutra categoría".
Por todo iso o xogador reclama 45.000 euros como "cantidade que se corresponde coas cantidades deixadas de percibir", explicou o seu avogado incidindo no que entende como decisión unilateral do Pontevedra, e queixándose pola desproporción dun contrato no que "no caso de ser el quen quixese rescindir unilateralmente debía abonar un millón de euros como indemnización".
Pechada a vista oral o xuízo entre Borja Domínguez e o Pontevedra Club de Fútbol quedou visto para sentenza.