O Pontevedra Club de Fútbol iniciou este luns 22 de xullo os adestramentos e fíxoo cun gran ausente na súa primeira sesión, celebrada na Xunqueira.
Entre os 25 futbolistas citados á sesión inicial, entre primeiro equipo e filial, non se atopaba un xogador do primeiro plantel con contrato en vigor coa entidade granate, Borja Domínguez.
O centrocampista vigués renovara un ano a súa vinculación co Pontevedra ao activarse a final do pasado curso unha cláusula automática no seu contrato, despois dunha campaña na que non gozou do protagonismo esperado. Participou de feito en só 12 encontros, primeiro por unha lesión e despois polo bo rendemento dos seus compañeiros na medular.
A súa ausencia pon sobre a mesa a posibilidade dunha saída negociada, que liberaría unha das 16 fichas sénior (as máximas posibles) que agora mesmo están ocupadas.
De concretarse este movemento, e á espera de confirmación por parte do club granate, abriríase a porta para buscar algún reforzo máis no mercado pensando na experiencia e sen mirar o DNI, non só de idade sub-23.