Nunha semana na que Borja Domínguez e o Pontevedra CF víronse nos xulgados, tanto xogador como club volverán verse no terreo de xogoeste domingo (O Vao, 19:00 horas).
Foi precisamente o ex xogador granate e actual do Coruxo o que compareceu en rolda de prensa, xunto ao seu adestrador David de Dios, na previa ao encontro do fin de semana.
"É outro partido máis, hai que tentar facer un bo partido", sinalou Borja Domínguez, quen indicou que o Pontevedra é "un equipo que fai as cousas ben e ten bos xogadores, pero nós temos que competir e pornos en disposición de gañar tres puntos, que é o que queremos".
En todo caso, o xogador ten claro que "será un partido longo" polo tipo de xogo dos granates, que "tentan ter a posesión de balón".
Pola súa banda, o técnico David de Dios reiterou que o Pontevedra "ten unha forma moi clara de xogar e cando ningún equipo é capaz de quitarlle a posesión, non é fácil competir", pero compara o seu estilo co do Valladolid Promesas contra o que se enfrontaron "de ti a ti".
De feito é que tanto o filial como os granates son dous equipos "que che dominan e sométenche. Nós non podemos cambiar nada do que somos, non podemos xerar xogadores con caracterísitcas que non temos, pero esperamos a mellor versión. Imos ser o que vimos durante toda a tempada", subliñou.
O adestrador do Coruxo falou tamén do que significaría gañar ao Pontevedra, "un equipo dos favoritos para levar a liga". Neste sentido, admitiu que "a calquera equipo dálle un plus de confianza e a enerxía e a alegría aumentan", pero "a liga é moi complicada" e todo pode pasar.
E é que igual que Yago Iglesias, David de Dios concuerda en que en Segunda RFEF "os partidos custan un mundo sacalos e todos imos perder, pero nós imos coa mesma confianza que en todos os partidos, logo conseguirémolo ou non, pero estamos capacitados para gañar a calquera". Igualmente, "si non tes un bo día tamén podes perder contra calquera", sinalou.