Boiro e Pontevedra, a cara de can en Barraña

Pontevedra
14 de marzo 2015

Luisito optou por facer as mínimas variacións no seu equipo, con relación aos homes que se enfrontaron ao Cultural Areas. Recupera a Adrián e Mouriño, que entran na lista en lugar de Tomás e o sancionado Kevin Presa. Ademais, deixa fóra a Fran Fandiño, que segue sen contar nos plans do técnico, xunto cos lesionados Pedro García e Capi

Tubo e Centrón nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Tubo e Centrón nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / PontevedraViva

Dez xornadas por diante converten cada punto en disputa nun verdadeiro tesouro para a maioría dos equipos. Se ademais están implicados nas posicións de ascenso ou descenso, máis aínda. ÿ o caso de Pontevedra e Boiro, que se enfrontan en Barraña (domingo, 17:00 horas), nun partido dos que se poden considerar a cara de can.

O conxunto local é, sen dúbida, unha das sorpresas negativas da competición. Poucos explícanse que un equipo confeccionado coas máximas aspiracións de pelexar polos postos de honra, se vexa agora mesmo en grave risco de descenso, antepenúltimo na táboa, e con só unha vitoria nos últimos seis partidos, malia dispoñer dun equipo de xogadores con oficio, calidade e experiencia, mesmo en categorías superiores.

Por iso, os propietarios do terreo afrontan cada choque coma se fose unha final. Obrigados a sumar puntos ante calquera rival e en calquera terreo, son capaces de conseguir resultados favorables, como o 1-4 logrado no Poboado, fronte As Pontes, ou non pasar do empate fronte a equipos teoricamente inferiores, como Cultural Areas ou Silva.

En fronte estará un Pontevedra que intentará consolidar esa vantaxe de nove puntos sobre o segundo clasificado, sabendo que o Boiro, aínda seriamente ferido, non será un inimigo doado. Niso incidiu especialmente Luisito durante a semana. O técnico de Teo non quere confianzas que poidan botar a perder coa traxectoria do equipo, que suma cinco vitorias consecutivas e aspira á sexta, que lle podería colocar, senón de forma matemática, se virtualmente clasificado para o play-off de ascenso, e co título de campión moi preto.

O que está claro é que será un duelo moi diferente ao da pasada tempada, no que ambos os dous pugnaban polos postos de honra. Diferente no deportivo, pero non na bancada, na que de novo se rexistrará unha das melloras entradas do ano en Barraña, sendo segura unha presenza moi numerosa de afeccionados granates, animados pola boa marcha do seu equipo.

A dirección do partido correrá a cargo do colexiado Bruno Méndez Castro (A Coruña), auxiliado nas bandas Alberto Calvo Pérez e Rubén Reborido Rodríguez.

Adrián e Mouriño entran na convocatoria en lugar de Tomás e o sancionado Kevin Presa

Luisito optou por facer as mínimas variacións no seu equipo, con relación aos homes que se enfrontaron ao Cultural Areas. Recupera a Adrián e Mouriño, que entran na lista en lugar de Tomás e o sancionado Kevin Presa. Ademais, deixa fóra a Fran Fandiño, que segue sen contar nos plans do técnico, xunto cos lesionados Pedro García e Capi.

Deste modo, a lista de 16 xogadores convocados fórmana: Edu, Lloves, Adrián, Rubén Lobato, Campillo, Pablo, Bruno, Mouriño, Anxo, Jacobo, Pablo Carnero, Álvaro Muñiz, Tubo, Benja, Jorge e Centrón.