Boas sensacións do Cisne no seu primeiro amigable de pretemporada, que se saldou con derrota

Pontevedra
28 de agosto 2020

Os brancos enfrontáronse ao Villa de Aranda en León nun duelo marcado pola igualdade e a falta de ritmo de ambos os conxuntos que se decantou en favor dos burgaleses nos minutos finais pola perda de solidez defensiva dos brancos (31-29)

Primeiro amigable de pretempada entre o Cisne e Villa de Aranda en León
Primeiro amigable de pretempada entre o Cisne e Villa de Aranda en León / Club Cisne

A só seis días do inicio da liga, o Cisne puido disputar o seu primeiro partido dunha pretemporada atípica marcada pola pandemia da Covid-19 na que os brancos non podían, ata este venres, adestrar con contacto nin organizar partidos amigables. Os de  Jabato tiveron que desprazarse ata León para celebrar o seu primeiro duelo da pretemporada. Xogaron contra o Villa de Aranda nun choque marcado pola igualdade e falta de ritmo que se saldou con vitoria burgalesa por 31 a 29. 

"A pesar dos erros típicos do primeiro partido e de vir dun parón tan longo, estamos satisfeitos por velos competir, por rotar a todos os xogadores e por ver que o que traballamos vai por bo camiño, aínda que nos queda moito para seguir mellorando", declarou o adestrador  Jabato despois dun partido no que os xuvenís do equipo gozaron dunha gran cantidade de minutos.

Aínda que o resultado é o menos importante deste primeiro encontro, o esixente técnico branco recoñeceu que "podiamos estar un pouco máis sólidos na parte final do partido". Aínda que restou importancia a esas circunstancias para centrarse nas próximas citas. "O importante é sumar minutos e coller sensacións. Iso lográmolo e hoxe temos outra cita para seguir mellorando", declarou en referencia ao amigable que disputan ás 18 horas en Valença do Minho fronte ao Aguasantas.

A igualdade foi a tónica dominante durante a maior parte do partido. No primeiro tempo o empate foi unha constante no marcador e non foi ata os minutos finais do segundo tempo cando o Villa de Aranda logrou unha pequena renda que lle permitiu facerse coa vitoria.

No plano individual, Carlos Pombo, con catro tantos, foi o home máis activo do partido do Cisne, no que tamén brillaron os mozos Carlos Álvarez e Mateo, así como as paradas salvadoras de Pablo González.