Támara Echegoyen e Berta Betanzos mantéñense na pelexa polas prazas de podio no ecuador das roldas clasificatorias no 49er Fx de vela.
O dío galego-cántabro marcha cuarto a só cinco puntos da prata e o bronce, é dicir, das brasileiras Martina Grael e Kahena Kunze e as neozelandesas Alex Malone e Molly Meech, que marchan empatadas. O liderado pola súa banda é para as danesas Jena Hansen e Katja Steen Salskov-Iversen con 12 puntos de vantaxe sobre as españolas.
Támara e Berta ocuparon provisionalmente praza de podio pero acabaron cedendo terreo nunha xornada na que empezaron con dous podio parciais, cun terceiro e un primeiro posto nas primeiras magas, e que completaron cunha undécima e unha quinta praza.
"Hoxe demos outro paso, pero aínda queda moita competición por diante. A serenidade e a constancia van ser as claves do éxito. Se somos regulares estou segura que daremos boas noticias", sinalou a deportista pontevedresa á Real Federación Española de Vela tras a xornada.
Pola súa banda Fernando Echávarri e a canaria Tara Pachecho gañan opcións de meterse na definitiva Medal Race na clase Nacra 17. A falta dunha xornada clasificatoria, remontaron ata a duodécima posición e están a só catro puntos dos décimos, os daneses Allan Norregaard e Annette Viborg.
Echávarri e Pacheco asinaron un undécimo, un quinto e un terceiro posto nas tres mangas e loitarán por clasificarse para a regata polas medallas do próximo martes.