O Club Cisne Balonmán regresa do XVI Torneo O Rosal con sensacións moi positivas na súa preparación dunha nova tempada na Primeira Nacional.
Os de Edín Covelo realizaron un bo papel no torneo amigable derrotando un equipo de División de Honra Prata como o Academia Octavio vigués (26-23).
O Cisne ganou o Octavio na primeira semifinal, que dominou claramente dende o inicio apoiado na súa defensa e a boa actuación da portaría. Así aos 10 minutos o resultado era de 8-3, renda que se mantiña ao descanso cun claro 14-9.
Os vigueses apertaron no segundo acto chegando mesmo a poñerse por diante (21-22), pero o conxunto lerezano non se descompuxo e acabouse impoñendo logrando o seu pase á final.
Alí encontrouse co equipo anfitrió, o Atlético Novás, que anteriormente eliminara o Boavista portugués (33-21).
A final caracterizouse por unha grande igualdade, cun Cisne que marchou ao descanso cunha mínima renda (10-11), pero que viu como os locais se fixeron co seu trofeo grazas a un apertado 27-26.