O pontevedrés Pablo García foi parte importante do resultado histórico logrado polo equipo español de loitas olímpicas no prestixioso Torneo Internacional de Niza, en Francia.
O deportista do Club de Loita Pontevedra alcanzou a medalla de bronce na súa categoría, os 70 quilos, rendibilizando a boa preparación previa que alcanzou na recente concentración nacional en Serra Nevada.
Ademais de Pablo García outros dous loitadores galegos subiron ao podio en Niza, Noelia Lalín (Keltoi Vila de Cruces) e José Cuba (Vilalba).
Estes resultados levaron a España ao primeiro posto do torneo internacional francés por primeira vez na súa historia.
CONCENTRACIÓN EN MADRID
Tras competir en Niza, Pablo García continúa esta semana coa súa preparación participando nunha nova concentración nacional no Centro de Alto Rendemento de Madrid.
Ata o día 2 de decembro o pontevedrés compartirá adestramentos con deportistas convidados de Xeorxia, Bulgaria e Armenia pensando xa nos obxectivos que se marca para o ano 2018.