Bo nadal para o Poio Pescamar, que marcha de vacacións entre os tres mellores da liga

Poio
21 de decembro 2022

O plantel vermello chega ao parón do Nadal nunha privilexiada terceira posición empatado a puntos co segundo, o Burela, e a só tres puntos do invicto Futsi Atlético Navalcarnero.

O Poio Pescamar despide o ano 2022 cun triunfo na Seca
O Poio Pescamar despide o ano 2022 cun triunfo na Seca / Poio Pescamar

O Poio Pescamar marcha de vacacións coa satisfacción do traballo ben feito. O plantel conserveiro chega ao parón do Nadal nunha privilexiada terceira posición empatado a puntos co segundo, o Burela, e a só tres puntos do invicto Futsi Atlético Navalcarnero. As xogadoras disfrtan xa dun merecido descanso, que terminará o 2 de xaneiro co regreso aos adestramentos.

A última sesión de traballo tivo lugar o día 19 de decembro, pero foi unha xornada máis festiva que de adestramento e que serviu para recoñecer o excelente traballo realizado durante a primeira parte da tempada na que o conxunto da Seca chegou a enlazar once triunfos consecutivos e, con só 12 tantos encaixados, é o menos goleado da categoría xunto co líder. Ademais, esta solidez defensiva non deixa de medrar, pois lograron deixar a portería a cero nas tres últimas xornadas.

O primeiro compromiso do 2023 terá lugar o 7 de xaneiro ás 19 horas contra o Marín Futsal no pavillón pontevedrés de Príncipe Felipe, nova casa do Poio Pescamar mentres duren as obras do pavillón da Seca.