Partido adiantado á xornada. Tres importantes puntos en disputa para un Pontevedra que se despraza ata Carballo (sábado, 17:00 horas) para enfrontarse ao Bergantiños nas Eiroas, coa intención de obter os tres puntos e esperar o que suceda o domingo no resto da xornada coa súa posición de líder a salvo.
O árbitro encargado de dirixir o partido será Uxío Caamaño Vázquez (Vigo), auxiliado nas bandas por Iván Mosquera Goce e Juan Luis Davila Fernández.
Os granates terán en fronte un complicado rival, que foi capaz de frear ao Cerceda, que só puido arrancar un empate sen goles, en Carballo, para impoñerse no tempo de desconto na anterior xornada de liga no Roxo.
Ademais diso, os homes de Javier Oreiro tamén lograron vencer ao Choco, ademais de arrancar puntos dos sempre complicados campos do Deportivo B, Arosa e Rápido de Bouzas, xunto coa contundente vitoria lograda en Baltar de Arriba (0-3) fronte ao sorprendente Xuventú Sanxenxo.
Iso por non contar que se trata do equipo menos goleado da categoría, precisamente tras o Pontevedra, despois de encaixar unicamente 16 goles no que levamos de liga. Nas súas filas militan dous exgranates como David García, que posiblemente será baixa por lesión, e Moreira, xunto con homes con experiencia na categoría, como Crístopher, Gonzalo Vilariño, Álex Canedo, Borja Facal ou Roberto Piñeiro.
Pero non será o rival o único obstáculo a salvar polos de Luisito. O outro, case tan complicado como o contrario, será escenario do partido, o campo das Eiroas.
Se ben ao cesped artificial que cobre a súa superficie xa están máis que afeitos todos os equipos nesta categoría, tanto pola abundancia de campos deste tipo como por realizar a maioría dos adestramentos sobre eles, As Eiroas presenta un estado bastante deficiente coa súa fibra sintética bastante gastada polo uso e irregular en numerosas zonas, o que complica considerablemente o control da pelota e obriga a realizar un fútbol máis directo, con moita atención ás accións a balón parado e segundas xogadas.
Todo iso sábeo Luisito, que traballou durante a semana tratando de mentalizar os seus xogadores de que terán que saltar ao campo coa máxima intensidade e concentración para non se deixar sorprender.
O técnico de Teo sabe que será un partido áspero, no que moi posiblemente haxa que aparcar o bonito en beneficio do práctico. Sen dar concesións ao rival en defensa, nin tregua na disputa de cada balón.
Luisito recupera a Campillo e deixa fóra da lista a Tomás, Benja e Fran Fandiño
Por primeira vez en varias xornadas ten a case todos os seus homes dispoñibles, coa única excepción de Fran Fandiño, que xa ten a alta médica pero ao que aínda lle falta coller ritmo. Volve Campillo tras cumprir sanción, o que fai que tras o último adestramento semanal realizado no sintético da Xunqueira, dous fosen os descartes a realizar, optando por deixar fóra a Tomás e Benja.
Deste modo, a lista de 16 xogadores convocados para desprazarse a Carballo fórmana: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Campillo, Capi, Bruno, Anxo, Kevin Presa, Pedro García, Tubo, Jacobo, Centrón, Mouriño, Pablo Carnero e Jorge.