Esta vez si; o Pontevedra Club de Fútbol prepárase para afrontar en apenas unha semana tres encontros oficiais, entre a liga de Segunda RFEF e a Copa do Rei.
O primeiro deles -ou "o máis importante" agora mesmo para Yago Iglesias- é o que medirá os granates co Bergantiños este sábado 16 de novembro (20.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
Así o defendeu o técnico dos pontevedreses, que encomiou tamén o "moi bo proxecto" do seu próximo adversario na competición ligueira.
"É un equipo que tivo cambios con respecto a aquela primeira tapa en Segunda Federación, en todos os sentidos, creo que é un club que está a crecer tanto a nivel institucional como a nivel deportivo", argumentou Iglesias.
Iso sobre o céspede tradúcese en "un equipo valente, que non especula, que vai sempre a buscar gañar, independentemente de quen sexa o rival e onde xogue, sexa na casa ou sexa fóra. Eu creo que vai ser un moi bo partido de fútbol", prognostica.
Yago asegura, tras analizar ao rival e os seus resultados esta campaña (marcha na décima posición con 16 puntos), que "virán aquí sen ningún tipo de complexo, a xogar de tu a tu, a diferenza de moitos outros equipos".
De feito "creo que somos dous estilos moi parecidos por non dicir idénticos e, ao final, o equipo que sexa capaz de ter máis posesión de balón, de xogar máis en campo contrario, de ter que defender menos, terá máis posibilidades de conseguir o tres puntos", analiza o técnico granate.
O preparador do Pontevedra, ante o maratón de partidos que se lles vén enriba, confirmou ademais que "a semana de adestramento foi boa, con todos os efectivos" a excepción do lesionado Churre.
Entre eses efectivos Yago referiuse na súa rolda de prensa ao momento de forma de Héctor Hernández, tras dúas xornadas entrando desde o banco superada a lesión que sufriu ao comezo de curso. Neste sentido "cada semana que pasa está para máis", asegura, aínda que sen querer desvelar se o ve xa como unha opción para saír de inicio ou si prefire polo momento gardalo "como un cambio que nos dea un revulsivo".