Benjamín Garay: "Confiamos todos en que os resultados van chegar"

Pontevedra
14 de setembro 2023

O central granate, un dos catro futbolistas que completou os dous encontros disputados polo Pontevedra ata a data, móstrase confiado do traballo do equipo para conseguir o primeiro triunfo da tempada e empezar a situarse na parte alta da táboa

Benjamín Garay, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Benjamín Garay, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Cristina Saiz

A tempada do Pontevedra Club de Fútbol non empezou como se esperaba, pero desde o plantel confían en darlle a volta á situación xa desde o vindeiro domingo, coa visita do Langreo ao Estadio Municipal de Pasarón.

Así o asegura un dos únicos catro homes que disputou na súa totalidade os dous encontros xogados ata a data, Benjamín Garay, que parece ter gañado a confianza de Yago Iglesias no centro da defensa.

"A nivel persoal estoume a atopar moi ben e a nivel colectivo creo que estamos a facer bos partidos, o único que non se está reflectindo no resultado", asegura o defensor arxentino.

"Creo que nos falta axustar unha cousa pequena arriba e despois minimizar máis se se pode as ocasións que teñen os rivais, pero confiamos no que estamos a facer. Confiamos todos en que os resultados van chegar", defende Garay.

Para conseguir dar ese paso adiante unha das leccións para aprender será a de superar a equipos que expoñen un duelo co Pontevedra á expectativa, sen arriscar e cedendo a iniciativa aos granates. "Creo que o 90% dos equipos da liga van plantexar un partido como o que plantexaron tanto Gimnástica como Valladolid", sinala o central, para o que a partir de agora "Pasarón ten que ser un fortín. No primeiro partido da casa escapáronsenos os primeiros tres puntos e non poden escapar máis, que os equipos non queiran nin vir aquí a xogar".

Será un primeiro paso cara á meta do ascenso, da que non escapa Benjamín Garay, que aos seus 23 anos atopou na Boa Vila un lugar no que está "moi a gusto. Déranme boas referencias tanto da cidade como do Pontevedra como club e a verdade é que non se equivocaron, estou moi feliz aquí", asegura. Por iso espera que esta non sexa a súa única tempada na casa granate. Diso dependerá en boa medida lograr o obxectivo.