Recén chegada de Barcelona, onde participou nos Campionatos de España de verán de natación, Bea Gómez Cortés visitou este xoves o Concello de Pontevedra, un dos seus principais patrocinadores, para entrevistarse co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Fíxoo en plena preparación do Europeo de natación que se disputará na cidade alemá de Berlín do 13 ao 24 de agosto.
Chega con boas sensacións da cidade condal, onde logrou o ouro nos 200 estilos, aínda que recoñece que non competiu nas súas mellores condicións. Un proceso vírico que o mantivo tres días sen poder adestrar en vésperas do campionato impediu que rendese ao nivel que se esperaba dela. "Todo el mundo se preguntaba qué me pasaba", explicou a nadadora do Galaico. "Se notó que no estaba a pleno rendimiento".
Pero avanza que en Berlín se verá outra Bea Gómez Cortés. "Tal y como me veo competir, creo que estoy en bastante buena forma", sinalou a pontevedresa, a pesar do cal prefire non facer prognósticos do que pasará no Europeo. Asegura que a súa principal opción de medalla será o relevo 4 x 200, no que espera volver coincidir con Mireia Belmonte e Melani Costa, un equipo que xa foi quinto no último Mundial de natación.
Bea Gómez Cortés competirá tamén en 200 e 400 metros estilos e nos 800 libres. De todas elas, explica que a máis difícil para as súas condicións é a primeira, os 200 metros, "porque es una carrera muy rápida y hay mucho nivel". A pesar diso asegura que "habrá que intentalo, co hándicap ademais de que dita proba coincide o mesmo día que os 800 libres "y ya me cuesta nadar dos pruebas seguidas y más a este nivel".
En todo caso, insiste en que o seu obxectivo é entrar as finais de todas elas e, se é posible, lograr subir ao podio, especialmente no relevo e nos 800 libres.
Será un Europeo que supón unha nova etapa no "objetivo más grande" da nadadora pontevedresa, lograr clasificarse para disputar os Xogos Olímpicos de Río 2016. Asegura que todas as probas nas que compite "se enmarcan en el camino a Río", a súa meta principal. O resto son, sinalou, "pequeños objetivos que me voy marcando para divertirse y no aburrirme" durante toda a preparación olímpica.
Pontevedra seguirá sendo, insiste, a súa base de operacións. A creación do grupo de alto rendemento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva axudoulle, tanto a ela coma á súa compañeira María Vilas, a seguir mellorando nas súas respectivas distancias. "Estamos muy a gusto, muy contentas con el grupo", sinalou Gómez Cortés, que explicou que ela e a ribeirense "nos apoyamos mucho la una en la otra".