Barbeiro reincorpórase ao grupo, con Chiqui e Borja Domínguez traballando a menor ritmo

Pontevedra
13 de setembro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol retomou este mércores os adestramentos, tras o habitual descanso do martes, con só dous efectivos a menor ritmo por lesión e coa volta ao grupo dos internacional Marcos Barbeiro, tras participar nun encontro da fase de clasificación da Copa de África co combinado nacional de Santo Tomé e Príncipe

Marcos Barbeiro, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Marcos Barbeiro, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Pontevedra CF SAD

O Pontevedra Club de Fútbol retomou este mércores os adestramentos, tras o habitual descanso dos martes, mirando xa cara ao duelo do próximo domingo 17 en Pasarón (17.00 horas) fronte ao Langreo, no que buscará o seu primeiro triunfo da tempada.

Fíxoo o equipo de Yago Iglesias xa ao completo, co reingreso á dinámica de traballo de Marcos Barbeiro, tras participar coa selección de San Tomé e Príncipe na fase de clasificación da Copa de África.

O atacante, que completou os 90 minutos de xogo co seu equipo nacional fronte a Nixeria, exercitouse a pleno rendemento. 

Non foi así no caso dos dous futbolistas lesionados nas primeiras xornadas de liga, Borja Domínguez e Chiqui, que se manteñen a menor ritmo que os seus compañeiros.

Aínda que ambos os dous evolucionan favorablemente, especialmente Chiqui tras o susto que lle obrigou a pedir o cambio en Valladolid, a súa presenza a fin de semana contra o Langreo antóllase como pouco probable.