O Club Cisne Balonmán afronta un fin de semana cargado de actividades dentro dos actos do seu cincuenta aniversario.
Dende o venres 20 e ata o domingo 22, en horario de 13:30 a 0:30 horas aproximadamente agás o domingo, só ata as 22:00 horas, a entidade pontevedresa instalará unha carpa na Praza de España na que se poderán gozar de diversos actos lúdicos e tamén consumir diferentes produtos gastronómicos.
Na carpa os asistentes poderán considerar unha exposición fotográfica da historia do club, visionar partidos históricos da entidade ou gozar dos concertos de dous grupos locais: Mala Hierba (23:00 horas do venres) e Black Dogs (23:00 horas do sábado).
Para completar a celebración, sempre que o tempo o permita, durante a xornada do sábado, dende as 11:00 ata as 18:00 horas a Avenida Monteiro Ríos acollerá un torneo de balonmán na rúa.
Tomarán parte nesta competición máis de 170 xogadores das categorías benxamín, alevín e infanti do propio Cisne, a SD Teucro, Bueu Atlético e Sociedade Atlética Redondela.