Baixa inesperada no Pontevedra: Pablo Cacharrón, operado do menisco do seu xeonllo

Pontevedra
18 de agosto 2022
Actualizado: 20:47

O gardameta granate foi intervido cirurxicamente na tarde deste xoves para acabar coas molestias que arrastraba no seu xeonllo e perderase o inicio de liga

Pablo Cacharrón, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Pablo Cacharrón, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Pablo Cacharrón perderase o inicio de liga de Primeira RFEF co Pontevedra Club de Fútbol.

O gardameta granate, titular durante gran parte da pasada campaña, foi intervido cirurxicamente este xoves para solucionar un problema no menisco do seu xeonllo e deixar atrás as molestias que arrastraba, segundo avanzou o portal PontevedraCF.nete puido confirmar PontevedraViva.

Trátase dunha baixa inesperada no cadro pontevedrés, xa que Cacharrón participara con normalidade na pretemporada do equipo ata o duelo ante o Coruxo.

Despois desa cita perdeu os encontros fronte ao Juvenil de Ponteareas e Estradense.

Coa súa ausencia Álvaro Cortés queda como o único porteiro do primeiro equipo dispoñible xunto ao arqueiro Manu Vizoso, procedente do filial e que aínda non foi confirmado como xogador do primeiro plantel.

PARTE MÉDICO

A última hora da tarde o Pontevedra emitiu un parte médico sobre a operación de Pablo Cacharrón, referíndose que durante a resonancia magnética previa e a artroscopia realizada no seu xeonllo comprobouse a rotura do menisco interno, nunha zona na que xa sufrira lesións con anterioridade

"Dadas as intervencións previas no citado xeonllo, o tempo de recuperación é de difícil fixación, aínda que a estabilidade do remanente meniscal indica que será razoablemente curto", sinala o citado parte.