Badmus renova co Peixe Galego para xogar a tempada en LEB Ouro

Marín
28 de xullo 2019

O xogador irlandés foi clave para lograr o ascenso e, aínda sendo cobizado por outros clubes españois, xogará un ano máis baixo o mando de Javi Llorente

Partido entre o Peixe e o Villarrobledo na Raña
Partido entre o Peixe e o Villarrobledo na Raña / Diego Torrado

O Peixe Galego continúa preparándose para a próxima tempada na segunda categoría española e o equipo xa vai tomando forma. A última confirmación é a da renovación de Tai Badmus, que este domingo asinou a súa permanencia no club marinense.

O irlandés foi unha das pezas craves para conseguir o ascenso a LEB Ouro, liga na que debutará xunto ao Peixe. Aínda que Badmus era cobizado por un bo número de equipos, finalmente, optou por continuar en Marín.

Durante este último ano, o xogador de 201 cm sumou un promedio de 13 puntos e 7 rebotes por cada 28 minutos de xogo, ademais dunha valoración media de 12, polo que a súa achega é fundamental para o equipo.

Coa renovación, únese a Rodrigo Seoane, Álex Mazaira, Orellano, Carlos Noguerol e Jacobo Díaz na plantilla do Peixe que disputará esta tempada na nova división baixo o mando de Javi Llorente.