Axuda de 8.000 euros para cada un dos deportistas olímpicos da provincia

Pontevedra
04 de agosto 2016

A Deputación aproba unha liña de subvencións de 120.000 euros para o deporte olímpico pontevedrés, da que se verán beneficiados nove deportistas olímpicos e seis paralímpicos que competirán en Río 2016

Carmela Silva na sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello de Pontevedra
Carmela Silva na sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este xoves as axudas económicos para deportistas olímpicos da provincia ou afincados na mesma e que participarán nos inminentes xogos de Río 2016.

Desta forma nove deportistas olímpicos e outros seis paralímpicos accederán a unha subvención de 8.000 euros.

Os beneficiados por esta medida son Jean Marie Okutu e o deportista de orixe cubana Frank Casañas en atletismo; Óscar Carrera, Rodrigo Germade e Teresa Portela en piragüismo; Fernando Echávarri e Támara Echegoyen en vela; María Bernabeu en judo; e o talaverano Fernando Alarza en triatlón.

Iso en canto aos que competirán en só uns días en Brasil. Pola súa banda en setembro nos Xogos Paralímpicos tomarán parte, e reciben a mesma axuda: Gustavo Nieves en atletismo, Chano Rodríguez en natación, Juan Saavedra en tiro olímpico, Agustín Alejos en baloncesto, Martín de la Puente en tenis en cadeira e Susana Rodríguez en triatlón. 

"Seguro que todos e todas imos vibrar coas actuacións dos nosos deportistas en Río 2016", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, ao explicar esta liña de axudas, que ascende a 120.000 euros. Ademais declarou sentirse "moi orgullosa" da presenza de tantos deportistas da provincia nos Xogos Olímpicos.