Augas de Galicia autoriza a reconstrución do campo de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O goberno municipal confía en sacar a licitación a obra da primeira fase desta reconstrución en cuestión de días, segundo confirmou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz

Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo
Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo / Radio Nova

Ponte Caldelas xa ten a autorización de Augas de Galicia para arranxar o campo de fútbol de Chan da Barcia, que quedou completamente inutilizado polas enchentes rexistradas no río Verdugo o pasado mes de novembro.

O goberno municipal confía en sacar a licitación a obra da primeira fase desta reconstrución en cuestión de días, segundo confirmou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

Para o deseño desta actuación, o Concello contratou a Enxeñería Calderón e Asociados, unha empresa que leva máis de dúas décadas proxectando infraestruturas deportivas.

Esta primeira fase suporá a renovación de todo o céspede de herba sintética destas instalacións, para o que se utilizará caucho reciclado.

O campo pasará a contar cunha base elástica de 15 milímetros de espesor pegada en quente, un método que evitará que volva flotar na auga.

A altura mínima do céspede será de 45 milímetros e cumprirá todos os requisitos fixados pola FIFA. Ademais, o recheo farase con area de cuarzo e granulado de caucho.

O proxecto deseñado incluirá ademais a substitución do actual sistema de rego por canóns emerxentes e a instalación de arquetas con filtros de retención, o que impedirá que se acumulen nelas as partículas de microplástico.

A partir de aí, se impulsará unha segunda etapa desta renovación que, segundo explicou Díaz, permitirá demoler o muro perimetral e evitar o "efecto cascada" en caso de inundación.

Ademais, está prevista a instalación de máis solucións de contención que garantan que, en caso dunha nova inundación, o 98% do caucho do terreo de xogo non se mova.