Atropelan mentres adestraba a Evaristo Portela, director deportivo do Froiz

Pontevedra
31 de outubro 2024
Actualizado: 18:18

O suceso tivo lugar ao redor das 13.00 horas deste xoves en Sanxenxo. Portela foi evacuado en ambulancia ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez para realizarlle probas

Evaristo Portela, durante a terceira edición da 4 Picos Road
Evaristo Portela, durante a terceira edición da 4 Picos Road / Diego Torrado

Evaristo Portela, director deportivo do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, sufriu un atropelo este xoves mentres adestraba en bicicleta.

Sucedeu en Sanxenxo, na estrada PO-308, ao fío das 13.00 horas.

En concreto, segundo explicou a PontevedraViva unha das súas fillas, Portela foi embestido por un coche que se incorporaba á vía na entrada de Sanxenxo, á altura da Policía Local, e que non se decatou da presenza do ciclista.

Unha ambulancia do 061 prestou a primeira atención no lugar ao director do Froiz, que non perdeu a consciencia en ningún momento.

Foi evacuado ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Alí estaba previsto realizarlle probas para concretar as lesións sufridas, ao queixarse sobre todo dun forte golpe no costado.

Dentro do aparatoso do inicidente, o seu prognóstico inicial parece descartar lesións de gravidade.

Evaristo Portela pasa por ser unha figura clave dentro do deporte local co seu gran apoio e impulso do ciclismo, comandando durante máis de tres décadas ininterrompidas o proxecto do Froiz, actualmente o segundo equipo máis lonxevo de todo o pelotón nacional.