O Atlético Villalonga FF rescatou un empate este domingo da súa visita ao campo de Mudéjar, onde se enfrontou a un sempre difícil Zaragoza na sétima xornada de Segunda RFEF.
De feito foi o cadro local o que se adiantou no luminoso cun gol de Karolina Sarasua á media hora de xogo, pero Nerea Lombardero, ao fío do descanso, devolveu as táboas ao marcador.
Con todo, á volta de vestiarios o partido volveuse poñer costa arriba para as de Edu González, que encaixaron un novo tanto ben temperán do que terían que reporse.
Neste caso foi Ceci Franco a que no minuto 47 recuperou a vantaxe para o equipo zaragozano.
De novo o Atlético Villalonga debía remar para sacar algo positivo da súa visita e conseguiuno por medio de Lola, que se estreou como goleadora esta tempada facendo o 2-2 definitivo cando apenas se tiña cumprido a hora de xogo.
Regresa así o equipo de Sanxenxo cun prezado botín en forma dun punto que lle permite afrontar a nova semana da mellor maneira.
A próxima xornada, o equipo adestrado por Edu González recibirá en San Pedro a Real Sociedade B. Será o sábado 26 ás 17:00 horas.
Consulta a acta neste enlace