A sorte non sorriu ao Atlético Villalonga na súa visita este fin de semana ao Racing de Santander, caendo por un 2-0 que deixa ao equipo en metade da táboa do grupo 1 de Segunda RFEF.
En canto ao partido, o conxunto de Sanxenxo foi o que dominou a posesión do esférico, pero foron as visitantes as que demostraron ser máis efectivas de cara á porta.
De feito é que o tanto inaugural chegou con certa fortuna. Alcanzado o ecuador do primeiro tempo, Mariajo recibiu en banda esquerda e sacou un centro chute imparable que se coou na portaría de Patri Curbelo.
Ante esa situación, as de Edu González víronse obrigadas a asumir riscos para sacar algo positivo, subindo máis a liña e deixando espazos que non desaproveitaron as xogadoras cántabras para pór máis terra polo medio.
E así, a pouco máis de 10 minutos do primeiro gol, chegou o segundo.
O Atlético Villalonga tratou de saír de campo propio co balón xogado, pero o cadro local apertou e provocou o erro. Irene Canal, aproveitando que a defensa estaba descolocada, gañou un balón que quedou solto dentro da área e bateu a Curbelo, facendo o 2-0 co que se alcanzou o descanso.
Despois do paso polos vestiarios as visitantes saíron a apertar, pero non tiveron sorte á hora de anotar o gol que as metese no partido a pesar de tentalo de todas as formas, conformándose cunha derrota que as mantén na parte media da táboa.
Consulta a acta neste enlace