Reunión de urxencia este martes da Comisión Galega de Control da Violencia para analizar o acto violento rexistrado nun partido cadete feminino de balonmán en Vilalonga, a fin de semana, e que terminou cun familiar do árbitro gravemente ferido cun traumatismo cranial.
Tras este encontro, presidido polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Comisión confirmou o inicio da instrución dun procedemento sancionador ao presunto agresor por unha infracción moi grave.
Trátase dun nivel de gravidade que segundo a Lei do Deporte de Galicia leva aparelladas sancións económicas de entre 60.000,01 euros até 650.000 euros.
Segundo esta lei considerarase como moi grave "a realización de calquera acto ou conduta cando lles ocasione danos ou graves riscos ás persoas ou aos bens, ou cando concorran circunstancias de especial risco, perigo ou participación nel".
Ademais pode supor tamén a obriga de desenvolver traballos sociais no ámbito deportivo e a sanción de prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período abarcado entre dous anos e cinco anos.
"Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte", advertiu o secretario xeral, José Ramón Lete.
Neste sentido, a Comisión Galega de Control da Violencia avanza que utilizará todos os medios que ten ao seu alcance para que ningunha manifestación de violencia quede impune.
O goberno autonómico confirmou ademais que este mesmo martes chegou aos xulgados a denuncia presentada ante a Garda Civil polos feitos ocorridos no pavillón de Vilalonga durante o encontro entre os equipos de Sanxenxo e Rasoeiro.