Asobal decide empezar a liga o día 1 sen ter aínda un protocolo aprobado

Pontevedra
28 de agosto 2020

Os equipos da máxima categoría do balonmán español acordaron en asemblea manter o calendario, co inicio da liga o 1 e 2 de setembro, a pesar de que o protocolo transversal para os deportes de contacto continúa sen estar aprobado. A Xunta autorizou este venres a práctica deportiva con contacto para equipos de competicións estatais non profesionais

Primeiro día de pretempada do Cisne 20/21
Primeiro día de pretempada do Cisne 20/21 / Mónica Patxot

O balonmán español mantén a súa folla de roteiro alleo á forma de actuar das federacións do resto de deportes do país, que se manteñen á espera de que o Goberno aprobe un protocolo de seguridade que permita competir e adestrar en igualdade de condicións a todos os clubs e protexa aos xogadores e afeccionados diante de posibles contaxios por coronavirus.

Na asemblea mantida durante a tarde do mércores, os clubs acordaron manter o calendario aprobado e iniciar a nova tempada o vindeiro martes 1 de setembro coa disputa do choque entre Bidasoa Irún e Ademar León. O Cisne ten previsto debutar ao día seguinte no Pavillón Municipal ás 20.30 horas contra o Incarlopsa Cuenca.

As razóns que levaron aos equipos para manter o rumbo marcado a finais de xullo radica na inminente aprobación do protocolo de seguridade para a práctica do deporte de contacto, adestramentos e asistencia de público aos eventos deportivos. Os clubs cren que a principios da próxima semana entrará en vigor, a tempo para a disputa do primeiro partido.

O borrador, ao que puideron ter acceso todos os equipos, contempla a obrigatoriedade de realizar test PCR a todos os xogadores e técnicos do plantel antes da disputa de cada xornada. "É un borrador esixente", recoñece o presidente do Cisne, Santi Picallo, "pero é inasumible por parte da maioría dos clubs de balonmán", comparte unha reflexión que conta co apoio da maior parte dos membros de Asobal.

"Xa fixemos algunha consulta e, mínimo, cada test custaranos 75 euros. Ao final de tempada sáenos en máis de 40.000 euros", alerta o dirixente. Co obxectivo de evitar este desembolso, na asemblea decidiron remitir unha carta ao CSD solicitando unha compensación por estes gastos e coa ameaza de deter a competición se non reciben a axuda económica necesaria para cumprir a normativa. No encontro marcaron a xornada 4 como marxe de tempo para o o Goberno responda.

O Cisne e outros seis equipos da liga propuxeran aprazar o inicio da competición ata o mes de outubro e así dar máis tempo ao CSD para que se pronuncie sobre como financiar estas prohibitivas probas médicas, algo que o resto de conxuntos rexeitou para iniciar a competición canto antes. 

Se os trámites administrativos atrásanse, a liga podería comezar mesmo antes de que o protocolo entre en vigor e sen que sexa obrigatorio realizar as probas PCR, chegaron a expor na reunión. En todo caso, Santi Picallo asegura que se o novo marco legal non se aproba a tempo e mantivéranse en vigor as normas da Xunta, que xa se modificaron este venres para permitr a práctica de deportes con contacto, "nós non íamos xogar, iso estaba moi claro", remarca.

Convencidos de que a decisión de iniciar a liga é irreversible, no Cisne teñen concertada xa unha cita o próximo 31 de agosto para practicarlle a proba PCR a todos os integrantes do primeiro equipo. Será despois da disputa dos dous primeiros partidos amigables do equipo contra o Villa de Aranda, que tivo lugar onte en León; e contra o Aguasantas, previsto para esta tarde en Valença.

Unha noticia menos negativa para o balonmán pontevedrés é que o protocolo que se vai a aprobar permitirá a entrada de público aos pavillóns. Un 75 % do aforo ata un máximo de 300 persoas e sempre cunha separación de 1,5 metros entre espectadores. Unha medida ben acollida pola directiva branca pero que considera insuficiente dada a cabida que ten o Pavillón Municipal, superior aos 2.000 espectadores.

A solución pasa polo desenvolvemento dunha aplicación para asignar butacas, similar ás das salas de cinema, que permita agrupar a conviventes e así poder acceder en pequenos grupos familiares e aproveitar máis butacas. Algo inviable nestes momentos por falta de tempo e fondos. Aínda así, desde o Concello queren agradecer o traballo realizado polos técnicos municipais, con Xaime Agulló á cabeza, porque "están a ser moi rigorosos e comprensivos", rematou.