Asinado o convenio de colaboración entre Concello e Deputación para a Gran Final das Series Mundiais

Pontevedra
02 de xullo 2023

No convenio asinado, a Deputación achegará un importe que ascende á cantidade total de 500.000 euros, IVE engadido, para facer fronte aos gastos relacionados co desenvolvemento do campionato do mundo

Carreira elite masculina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra
Carreira elite masculina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra / Cristina Saiz

Concello e Deputación de Pontevedra asinaron esta semana o convenio de colaboración para o desenvolvemento da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, o evento de primeiro nivel que se desenvolverá en Pontevedra o próximo mes de setembro.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que este era un compromiso adquirido xa desde o ano pasado ao tratarse dun evento que "terá unha repercusión notable en todas as Rías Baixas e que achegará ata estas terras a máis de 4.000 triatletas, amais de equipos técnicos, organizativos, familiares ou espectadores".

Indicou Lores que a Gran Final das Series Mundiais será retransmitida en ducias de países, polo que tanto Pontevedra como as Rías Baixas "terán unha proxección importantísima a nivel internacional. A Deputación debería participar nesta cita e participará, algo que agradezo de xeito público".

"Estamos traballando para que sexa a mellor Gran Final das Series Mundiais celebrada até o de agora", concluíu o rexedor da Boa Vila a menos de 80 días para que a cidade se converta en capital mundial deste deporte.

No convenio asinado, a Deputación Provincial achegará un importe que ascende á cantidade total de 500.000 euros, IVE engadido, para facer fronte aos gastos relacionados co desenvolvemento do campionato do mundo.