A sede do Consello Superior de Deportes (CSD), en Madrid, foi escenario este martes da firma do convenio polo que Pontevedra se converte oficialmente en sede do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024.
Ata a capital do estado desprazáronse o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o edil de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, participando ademais Enrico Della Casa, presidente da Unión Europea de Ciclismo; José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo e o presidente do CSD, José Manuel Franco.
"Está todo o mundo encantando de poder organizar este Campionato de Europa. Logo das probas do campionato de España o ano pasado e o anterior, que foron un éxito de participación e de público, cun circuíto que prestou a todo o mundo, quedou demostrado que Pontevedra vive o deporte", sinalou Fernández Lores na súa intervención.
A iso súmase que "a proba que agora temos asinada contará cun circuíto espectacular, que prestará, nun espazo natural inmellorábel", defendeu aludindo á Illa das Esculturas, onde se celebrará a importante carreira ciclista.
Trátase dun evento deportivo que segundo explicou Enrico Della Casa "foi seguida o ano pasado por once millóns de espectadores e que será, a recado, un evento moi importante para a zona a nivel turístico".
Todo un reto co que non se conforma a Boa Vila, afirmando Lores ao ser preguntado por se aspira a lograr eventos mesmo de maior envergadura que aínda que "primeiro faremos o Campionato de Europa, sempre estaremos abertos a calquera proposta, máis aínda de alto nivel, pois son activos moi importantes para a cidade".
Pola súa banda o presidente da Federación Española de Ciclismo defendeu na súa intervención que "este evento supoñerá un novo paso no crecemento do ciclocrós en España: unha evolución claramente patente nos últimos anos, tanto a nivel de calendario nacional, como de resultados internacionais", o que referendou á súa vez o mandatario da Federación Galega, Juan Carlos Muñiz, ao asegurar que conseguir a organización do Europeo 2024 "non é só un éxito noso, senón de todo o ciclismo español".
No acto celebrado en Madrid tamén participaron o seleccionador galego de ciclocrós e a deportistas María Filgueiras e Miguel Gómez.