Así será o circuíto da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra

Pontevedra
02 de xuño 2022

O percorrido, aprobado pola Federación Internacional de Tríatlon (ITU), será testado o próximo 24 de xullo na proba da Copa do Mundo que acollerá a Boa Vila. Terá a meta no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e un tramo ciclista centrado na contorna da ría que chegará ata a ponte da Correntes

Percorrido do sector ciclista deseñado para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2023
Percorrido do sector ciclista deseñado para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2023

A Federación Internacional de Tríatlon (ITU) aprobou a proposta do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra 2023 en relación ao seu percorrido, que inclúe unha modificación no sector ciclista con respecto a anteriores eventos internacionais na cidade para centrarse na contorna do río.

O circuíto, que será testado na proba da Copa do Mundo que se celebrará na Boa Vila o próximo 24 de xullo, aparece xa enlazado na páxina oficial do evento.

Trátase dun percorrido que contará en primeiro lugar coa súa saída xunto á ponte de loa Tirantes, onde os deportistas lanzaranse ao río para completar 1.500 metros de natación cunha volta de 1 quilómetros e unha segunda reducida de 500 metros.

Despois tras a transición iniciarase entrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, lugar de finalización de cada volta e tamén onde estará situada a liña de meta, o sector ciclista con ata 8 voltas para completar aproximadamente 40 quilómetros. É aquí onde chega o principal cambio con respecto a outros eventos internacionais de tríatlon organizados pola cidade, e é que os deportistas darán as primeiras pedaladas pola ponte dos Tirantes seguindo por Rafael Areses e a Avenida de Compostela para entrar no Campus Universitario. Ata aí pouco cambio, pero tras pasar pola zona universitaria a carreira continuará cara ao Pavillón Municipal dos Deportes e a Avenida Domingo Fontán chegando ata a ponte das Correntes, momento no que cruzarán o río para iniciar o retorno ao CGTD en liña recta por Avenida de Uruguai e Bos Aires.

Para finalizar, con catro voltas para un total de 10 quilómetros, será a quenda dunha carreira a pé que percorrerá o centro histórico lucindo todos os encantos da cidade. Os triatletas abandonarán o CGTD pola porta da rúa Fernando Olmedo para dirixirse á Rúa da Cruz Vermella ata Padre Amoedo. Despois adentraranse na Zona Monumental por rúa Sarmiento e subirán por Pasantería ata os xardíns fronte ao Convento de San Francisco, seguindo pola Praza de Ourense para pasar por Peregrina e Michelena e iniciar o descenso cara á zona do río por Fernández Villaverde, Curros Enríquez, Don Gonzalo e César Boente chegando ao Mercado, onde se virará pola Rúa Serra ata enganchar coa Avenida de Bos Aires na ponte de Santiago e regresar ao CGTD.

É a folla de ruta completo dunha carreira que, con sinal internacional de televisión en directo en multitude de países, será un escaparate inigualable para Pontevedra.