Así quedan as fases de ascenso a Asobal e pola permanencia para Cisne e Teucro

Pontevedra
27 de febreiro 2022

Finalizada a primeira fase da División de Honra Prata, Club Cisne Balonmano e Sociedad Deportiva Teucro xa coñecen aos rivais que lles esperan para a fase polo ascenso a Liga Asobal e para evitar o descenso a Primeira Nacional

Partido de División Honra Prata entre Teucro e Amenábar Zarautz no Pavillón Municipal
Partido de División Honra Prata entre Teucro e Amenábar Zarautz no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

Finalizada a primeira fase da División de Honra Prata, Club Cisne Balonmano e Sociedad Deportiva Teucro xa coñecen aos rivais que lles esperan para a fase polo ascenso a Liga Asobal e para evitar o descenso a Primeira Nacional.

O formato de liga foi similar ao da tempada pasada, con dous grupos de 10 equipos nunha fase inicial de dobre volta na que os cinco primeiros clasificados de cada grupo pasan a pelexar polo ascenso e os cinco últimos por evitar o descenso.

GRUPO DE ASCENSO Á LIGA ASOBAL

Como un dosfavoritos para promocionar á máxima categoría do balonmán español chega o conxunto cisneísta, líder do Grupo A con 28 puntos a pesar de ceder nos últimos duelos. Completan este grupo o Guadalajara (27 puntos), San Pablo Burgos (22 puntos), Amenábar Zarautz (21 puntos) e Acanor Novás (20 puntos).

Pola súa banda, os cinco primeiros clasificados do Grupo B e rivais do Cisne na segunda fase serán Puerto Sagunto, líder da clasificación igualado a 26 puntos co Barça B, Alicante e Málaga, ambos con 22 puntos, e Ibiza, con 21 puntos.

Unha vez actualizadas as contas e arrastrados os resultados e puntos obtidos contra os rivais directos desta primeira fase, a lista completa polo ascenso queda así: Cisne (12 puntos), Guadalajara (11 puntos), Puerto Sagunto (10 puntos), Barça B (10 puntos), Alicante (7 puntos), Málaga (7 puntos), Ibiza (6 puntos), Atlético Novás (6 puntos), Amenábar Zarautz (6 puntos) e San Pablo Burgos (5 puntos).

Coñecida a clasificación dos 10 equipos que loitarán polo ascenso a Liga Asobal, agora falta saber cal será a folla de ruta que deben seguir. O que é sabido é que deberán enfrontarse en dobre volta e só ascenderán a la máxima categoría os dous mellores.

GRUPO POLA PERMANENCIA NA DIVISIÓN DE HONRA PRATA

Un obxectivo totalmente diferente teno a Sociedad Deportiva Teucro, que se complicou de mala maneira e deberá pelexar por evitar o descenso a Primeira Nacional.

O cadro pontevedrés chega á segunda rolda un tanto tocado despois de gañar tan só dous dos 18 partidos disputados, polo que a súa permanencia en División Honra Prata pende dun fío moi fino.

Pecha a clasificación do Grupo A club azul, con tan só 4 puntos obtidos na primeira rolda. Ten por encima ao Alcobendas (20 puntos), Villa de Aranda (15 puntos), Soria (13 puntos) e Zamora (10 puntos).

Pola súa banda, os cinco últimos clasificados do Grupo B e rivais do Teucro na segunda fase serán o Ciudad Real (21 puntos), Sant Quirza (15 puntos), Cajasur CBM (11 puntos), Esplugues (8 puntos) e Unió Esportiva Sarrià (6 puntos).

Feito o reconto e actualizados os resultados entre os dous grupos, a clasificación para evitar o descenso queda así: Villa de Aranda (12 puntos), Alcobendas (12 puntos), Sant Quirze 11 puntos), Zamora (9 puntos), Cajasur CBM (9 puntos), Ciudad Real (9 puntos), Esplugues (6 puntos), Unió Esportiva Sarrià (5 puntos), Soria (5 puntos) e Teucro (2 puntos).

Destes 10 equipos, cinco perderán a categoría, polo que o conxunto pontevedrés necesitará case un pleno de vitorias para poder disputar unha tempada máis a División de Honra Prata.