Así pasan a corentena os deportistas pontevedreses

Pontevedra
17 de marzo 2020

Los campeones de triatlón Pablo Dapena y Saleta Castro; la nadadora olímpica Bea Gómez; el campeón de España de salto de longitud, Jean Marie Okutu; la portera del Poio Pescamar e internacional con la Selección Española, Silvia Aguete; la tenista Celia Cerviño; y el jugador del Cisne, David Chapela, comentan cómo están viviendo la cuarentena por el coronavirus

O saltador de lonxitude, Jean Marie Okutu, adestrando durante a corentena polo coronavirus / Jean Marie Okutu

Polo illamento obrigatorio provocado polo avance do coronavirus en España, tanto aos cidadáns do montón como aos deportistas, non queda outra opción que quedar nas súas casas para pasar os días que dure a corentena establecida polo Goberno, pero, como están a facer os atletas pontevedreses para non perder a forma física?

O campeón de España en salto de lonxitude, Jean Marie Okutu, explicou a PontevedraViva que por agora a está levando ben, xa que os últimos adestramentos púidoos realizar no CGTD antes de que pechase. Ademais, o sábado puido facer o adestramento no Lago de Castiñeiras e, como os domingos descansa, de momento non lle está afectando. "Os próximos días a cousa vai estar complicada", comentou, por iso buscará a maneira de axustarse na casa cunha máquina funcional coa que realizará forza e traballo preventivo ademais de realizar rodaxes nas escaleiras do edificio para "manter a forza como se poida".

Pola súa banda, a nadadora olímpica, Bea Gómez dixo que lle vai a custar adaptarse a esta corentena porque necesita a piscina. "Persoalmente estou a tentar manter o estado de forma aínda que estamos no segundo día e estamos a nos organizar para afrontar o tempo que cadre", explicou. En canto ao exercicio que realiza, fai cardio coa bicicleta da súa irmá, a triatleta Carmen Gómez, e ambas comparten a rutina de exercicios de saltos e autocargas. "Fixemos un 'mini ximnasio' no salón da casa, e para coller peso enchemos botellas de auga de 8 litros adaptándonos ao que hai, pero co paso dos días iremos perfeccionándoo", chanceou.

O que tamén conta con bicicletas e rodete dentro de casa é o tiatleta Pablo Dapena e, do mesmo xeito que as irmás Gómez Cortés, creou un 'ximnasio de mantemento' co material co que dispón. "O que é nadar e correr é complicado pero algo nos inventaremos con enxeño. Non é unha situación positiva nin para a miña nin para ninguén, iso está claro. Uns poden traballar de maneira telemática, nós no noso sector non, pero é o que hai e hai que cumprir coas normas provenientes das autoridades para que isto chegue a un fin canto antes".

Así mesmo, as xogadoras do Poio Pescamar e os xogadores do Cisne, tamén están a recibir tarefas por parte dos preparadores físicos de cada equipo.

Silvia Aguete, porteira do Poio e internacional coa Selección Española de fútbol sala, comentou que, na súa situación, realizáronlles un calendario de exercicios para ir alternando durante a semana con días de descanso. "Rexémonos polo que nos van mandando e estamos a coidar a dieta máis do normal porque facemos menos exercicio do habitual", explicou.

De modo similar está a traballar, o xogador do Cisne, David Chapela. "Son todos exercicios usando o peso corporal sen ningún tipo de material", tal e como lles marcou o preparador físico a través na internet. En canto a como leva a corentena, Chapela comentou que "a levamos como todo o mundo, encerrados e facendo o que podemos. Estudando, vendo series, ou lendo e sobre todo, desexando que isto pase canto antes e que acabe todo ben".

Por último, a tenista Celia Cerviño tivo que regresar esta fin de semana dunha competición en México e, a triatleta Saleta Castro, explicou que a situación que está a vivir en Valencia "é unha tolemia, tivemos que comprar unha cinta de correr e estamos a facer exercicio dentro de casa".

A pesar de que a situación non é favorable para ningún, todos están de acordo en que hai que adaptarse, colaborar e respectar as medidas que se tomaron para volver canto antes á situación de normalidade. Ademais, queren mandar o seu ánimo e apoio a todos os encargados de farmacias, supermercados e persoal sanitario que se están deixando a pel durante estes días.