Pontevedra conta os días para vivir o que será o maior evento deportivo dos organizados na cidade, coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrarán do 22 ao 24 de setembro.
A poucos días de coñecer a lista oficial de rexistrados para o evento nas categorías elite, pódese asegurar xa que poucas serán as ausencias entre os grandes nomes do panorama internacional.
A de Pontevedra será a cita decisiva da tempada, e é que a clasificación das Series Mundiais chega nun puño, especialmente na categoría feminina, despois dos eventos completados esta tempada en Abu Dhabi, Yokohama, Cagliari, Montreal, Hamburgo e Sunderland.
En concreto, o ranking feminino chegará a Pontevedra liderado pola británica Beth Potter (2986.57 puntos), seguida moi de preto pola francesa Cassandre Beaugrand (2924.34 puntos) e a estadounidense Taylor Spivey (2836.90). Séguenlle no top-10 a tamén francesa Emma Lombardi (2589.27), a estadounidense Summer Rappaport (2357.47), a británica Georgia Taylor-Brown (2347.99), a luxemburguesa Jeanne Lehair (2237.37), a británica Sophie Coldwell (1988.03), a mexicana Rosa María Tapia Vidal (1925.88) e a neozelandesa (1925.88). A primeira española na clasificación é a estremeña Miriam Casillas no posto 24 (1096.63 puntos).
Pola súa banda o ranking internacional masculino está actualmente encabezado polo neozelandés Hayden Wilde (3441.72 puntos), co portugués Vasco Vilaca segundo (2952.35 puntos) e o francés Léo Bergere terceiro (2789.36). Séguenlles entre os dez primeiros o autraliano Matthew Hauser (2514.86), o británico Alex Yee (2498.67), o noruegués e campión olímpico en 2021 Kristian Blummenfelt (2156.74), o francés Dorian Coninx (2131.97), o húngaro Csongor Lehmann (1860.25), o suízo Adrien Briffod (1627.28) e o xaponés Kenji Nener (1618.15).
Na proba masculina si se espera a presenza dun triatleta local, o vigués Antonio Serrat, que durante anos preparouse ademais no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Serrat chegará á Gran Final no posto 19 (1269.18 puntos), cun noveno posto en Sunderland como mellor resultado da tempada. Entre os deportistas españois en todo caso o que conta con mellor clasificación é Roberto Sánchez Mantecón, no posto 17 (1349.07 puntos).