Así comezará a Primeira Nacional: Bueu - Cisne, Lavadores - BM Pontevedra e Poio Artai - Calvo Xiria

Pontevedra
23 de xullo 2014

Tras coñecer os emparellamentos da División de Honra Prata, agora foi a quenda da Primeira Nacional. A sede da Real Federación Española de balonmán acolleu o sorteo do calendario dos seis grupos da división de bronce

Partido entre o Vitaldent BM. Pontevedra e o Cisne no Pavillón municipal
Partido entre o Vitaldent BM. Pontevedra e o Cisne no Pavillón municipal / Diego Torrado

Tras coñecer os emparellamentos da División de Honra Prata, agora foi a quenda da Primeira Nacional. A sede da Real Federación Española de balonmán acolleu o sorteo do calendario dos seis grupos da división de bronce. E a competición comezará cos enfrontamentos entre Bueu - Cisne, Lavadores - BM Pontevedra e Poio Artai - Calvo Xiria. Serán a fin de semana do 20 e 21 de setembro.

Xa na segunda xornada se producirá o primeiro derby comarcal. O BM Pontevedra recibirá na casa ao Poio Artai, equipo que debuta nesta Primeira Nacional tras o ascenso logrado esta tempada. Os dous equipos da capital coincidirán gran parte desta tempada ademais xogando na casa ou fóra ao mesmo tempo. No caso do Cisne, o seu debut na casa será o 27 de setembro contra o BM. Promens Cañiza.

Outro dos emparellamentos de máxima rivalidade chegará na sexta xornada (25 de outubro) cando o Cisne reciba o Poio Artai. O conxunto que preside Santi Picallo será tamén o primeiro anfitrión do derby contra o BM. Pontevedra. Será na xornada 12 (6 de decembro). Os partidos de volta disputaranse, respectivamente, nas xornadas 17 e 21 en Poio e na 27 na casa do BM Pontevedra.

A última xornada de liga, a celebrarse a fin de semana do 2 e 3 de maio de 2015, deixaranos un Cisne - Luceros, un Poio Artai - OAR Coruña e un SAR Redondela - BM. Pontevedra.

O calendario completo pódese consultar na páxina web da Federación Española de Balonmán.

De novo, o grupo A do Primeiro Nacional volverá estar monopolizado por equipos galegos. Dos 16 que participarán este ano, trece son da provincia de Pontevedra (Cisne, BM Pontevedra, Poio Artai, Bueu, SAR Redondela, Luceros, Seis do Nadal, Promens Cañiza, Lavadores, Granitos Ibéricos, Chapela, At. Novás e BM Lalín) e os tres restantes da Coruña (Artabro, OAR Coruña e Calvo Xiria).