As Xornadas de Mulleres Ciclistas regresan a Marín por Semana Santa

Pontevedra
09 de marzo 2023

A gran xuntanza feminina organizada pola Federación Galega de Ciclismo repite formato con charlas, adestramento de todas as modalidades e coloquio

Primeira edición das Xornadas de Mulleres Ciclistas celebrada en Marín no 2022
Primeira edición das Xornadas de Mulleres Ciclistas celebrada en Marín no 2022 / Federación Galega de Ciclismo

A Federación Galega de Ciclismo organizará en Marín a súa segunda edición das Xornadas de Tecnificación de Mulleres Ciclistas. Logo do éxito que supuxo a súa estrea o pasado mes de setembro, o gran cumio do ciclismo feminino celebrarase neste 2023 durante a Semana Santa, o 5 e o 6 de abril. 

As instalacións do Colexio SEI San Narciso volven acoller esta iniciativa coa que a FCG dá un paso máis na súa aposta polo binomio muller e bicicleta. Aumentar os coñecementos teórico-prácticos e crear vínculos entre as corredoras a través da convivencia son as dúas principais metas a alcanzar nesta xuntanza dirixida a ciclistas de todas as categorías de base e de todas as modalidades. Nos vindeiros días os clubs recibirán as convocatorias para inscribirse nesta actividade gratuíta, que inclúe aloxamento e pensión completa. 

As Xornadas de Tecnificación de Mulleres Ciclistas presentan un formato similar ao da súa primeira edición e contan de novo cun cadro de poñentes de luxo. As charlas formativas impartiranas Gema Pascual (Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta), José Ramón Lillo Bevia (Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte) e Coral Fernández Gumiel (Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte).

Tampouco faltará o coloquio no que participarán mulleres vinculadas de diferentes formas a a este deporte. Con Terio Carrera, presentador da Televisión de Galicia, exercendo de moderador, compartirán as súas experiencias no mundo do ciclismo Pilar Pavón (Médica en voltas ciclistas), Dolores Cuñarro (Árbitra de categoría nacional), Eva Castro (Seleccionadora de Galicia de especialidades gravity) e Luz Iglesias (fotógrafa en eventos de ciclismo).

O programa destes dous días complétase cun adestramento de todas as modalidades.

Na realización destas xornadas colabora o Concello de Marín, que volverá converterse na capital galega do ciclismo feminino.