Ás voltas coa saída da San Silvestre ao non poder usar Montero Ríos

Pontevedra
16 de novembro 2023

A organización da popular proba deportiva está a tentar buscar alternativas para manter tanto a saída como a chegada na contorna da Alameda, ao non poder ocupar Montero Ríos polas aulas portátiles do instituto Valle-Inclán. O circuíto será similar ao dos últimos anos, e as inscricións está previsto que abran a principios do mes de decembro

XXXIV edición da Carreira San Silvestre de Pontevedra
XXXIV edición da Carreira San Silvestre de Pontevedra / Diego Torrado

A organización da San Silvestre de Pontevedra traballa a contrarreloxo para definir a nova edición da popular proba deportiva, que deberá sufrir cambios debido ás aulas portátiles do Instituto Valle-Inclán instaladas na metade da Avenida de Montero Ríos.

Esta situación impide que a saída do evento, que os últimos anos repartiu 7.000 dorsais, se poida manter no sitio habitual, ao non poderse garantir a seguridade dunha aglomeración tan grande.

É por iso que nos últimos días valoráronse diferentes opcións, coa idea de manter na medida do posible o epicentro da proba na contorna da Alameda. Non é tarefa sinxela, xa que a instalación dunha árbore de Nadal e unha carpa tamén impide ocupar a Praza de España. 

"Hai que pensar que son 7.000 persoas se sae un día asollado ao que se suma xente sen dorsal", explica un dos responsables do evento organizado pola Sociedad Gimnástica e o Concello de Pontevedra, Víctor Riobó. 

Por ese motivo a saída é o punto crítico, e por iso valórase separar este ano a liña de saída da de chegada, que si ten opción de manterse en Montero Ríos ao ser a entrada de deportistas máis graduada e ter sitio suficiente para evacuar aos participantes que vaian completando o percorrido.

Nos próximos días espérase poder resolver a situación pasando tamén o filtro de seguridade da Policía Local, tendo en conta que o resto do circuíto manterase practicamente sen cambios en relación a anos anteriores.

Unha vez superado este trámite será a quenda de pensar en abrir inscricións, coa intención de facelo a principios do mes de decembro.

O que si é seguro é que Pontevedra non quedará este ano sen unha das súas probas deportivas máis queridas e divertidas, coas que despedirá o ano co mellor humor.