As tricampioas de Europa poñen o foco nun mundial "que non sabemos nin cando vai ser"

Pontevedra
23 de marzo 2023

Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez, do Marín Futsal e Poio Pescamar, acaban de proclamarse campioas de Europa coa Selección Española por terceira vez consecutiva, pero aínda notan que a sociedade non as valora como aos homes. "Oxalá soubésemos por que non se fai un mundial como o masculino", cuéstionanse

Ale de Paz, Luci Gómez e Silvia Aguete, campioas de Europa de fútbol sala
Ale de Paz, Luci Gómez e Silvia Aguete, campioas de Europa de fútbol sala / Mónica Patxot

"Se somos as mellores, por que non se nos trata mellor ou se nos dá máis bombo?, por que esa desigualdade?". É a reivindicación pronunciada por Luci Gómez, xogadora do Poio Pescamar, e que comparten as súas compañeiras Silvia Aguete e Ale de Paz, do Marín Futsal, coas que acaban de proclamarse por terceira vez consecutiva (segunda para Ale) campioas de Europa de fútbol sala. 

"O deporte feminino está en auxe", declarou esta mañá de xoves a ciclista do Farto Pilar Jiménez no acto de recoñecemento organizado na Deputación aos clubs profesionais femininos da provincia. Con todo, as desigualdades co deporte masculino seguen á orde do día.

Unha das máis flagrantes dáse a nivel de organización de competicións internacionais. A Eurocopa que acaba de levantar España por terceiro ano consecutivo só ten tres anos de antigüidade, mentres que o mundial leva anos proxectado e aínda non se sabe cando se celebrará a súa primeira edición. "Oxalá soubésemos por que non se fai un mundial como o masculino. Tamén tiñamos a frustración de que non se facían competicións oficiais ata que nos chegou o Europeo hai tres anos, antes só xogabamos torneos oficiosos, pero para nós tiñan o mesmo valor", reivindica Silvia Aguete. 

Aínda que se alegran da organización oficial dunha Eurocopa, son conscientes de que a competición ten unha ampla marxe de crecemento. "Agora temos unha competición oficial, pero é verdade que pode mellorarse e ampliarse con máis equipos", engade a que foi nomeada mellor porteira do mundo sobre unha Eurocopa na que só participaron catro selecciones.

Sobre a celebración do mundial non ocultan o seu escepticismo. "Seguimos á espera, anunciárono en decembro pero non sabemos máis. Temos moitas ganas de que chegue, pero non sabemos de quen depende nin cando vai ser", recoñeceu Aguete.

Non só no ámbito internacional hai desigualdades cos seus compañeiros. "Nótase que nós, sendo de equipos de Primeira Division, somos menos coñecidas que equipos masculinos de Segunda ou de categorías inferiores", engadiu Luci Gómez. Tamén a cobertura mediática é desigual, "cando eles van a outros países para xogar, aínda que sexan amigables, vese que a desigualdade está", lamenta Ale de Paz.

Á marxe destas necesarias reivindicacións, Silvia, Ale e Luci non poden ocultar o seu orgullo polo novo éxito conseguido. "Estamos moi contentas e é un orgullo representar ao país. Estamos a facer historia e creamos un grupo que é máis que un equipo", confesa Ale de Paz. Na mesma liña pronúnciase Luci Gómez, "somos un grupo no que xogamos 14, pero somos moitas máis as que imos entrando e saíndo. Somos un grupo moi sólido e estea quen estea imos dar o 200 % na pista sempre". 

E esta Selección non ten teito. "O listón está moi alto", recoñece Silvia Aguete poñendo a vista no próximo reto. "Estamos pendentes do mundial, se sae pronto sería unha meta preciosa porque a próxima Eurocopa é dentro de dous anos", sinala ao gardameta do Marín Futsal.

Con todo, agora a atención volve á competición doméstica na que tanto Poio Pescamar como Marín Futsal teñen moito en xogo. As vermellas soñan con alzarse por primeira vez co título de liga. "O parón veu ben para desconectar e descansar as fins de semana, pero xa temos moitas ganas de volver co club e acabar o mellor posible a tempada", apunta Gómez.

Mentres que o cadro da Raña está centrado na Copa Xunta e na Copa da Raíña. "Agora vén o mellor, xogámonos as competicións máis serias coa final de Copa Xunta e final a oito da Copa da Raíña", márcase Silvia Aguete.