"As sensacións son boas" tras a avaliación Federación Internacional Tríatlon

Pontevedra
01 de decembro 2017

A delegación internacional da ITU participou nunha reunión de seguridade cos diferentes corpos policiais no que se avanzaron detalles do operativo especial previsto. Ademais inspeccionar os circuítos previstos para os mundiais de tríatlon cros e tríatlon de longa distancia

Técnicos da Federación Internacional de Tríatlon visitan Pontevedra
Técnicos da Federación Internacional de Tríatlon visitan Pontevedra / Concello de Pontevedra

A vista dos técnicos da Federación Internacional de Tríatlon ( ITU) a Pontevedra pechouse despois de dúas xornadas de traballo tras as que, segundo a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, "as sensacións son boas".

Os responsables da  ITU participaron xunto a representantes das federacións española e galega, Servizo Municipal de Deportes e dirixentes de Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local nunha reunión na que se avanzaron detalles do operativo especial previsto mentres dure o ITU Multisport Festival.

A seguridade durante o desenvolvemento das competicións, o control dos circuítos e tamén a chegada masiva de atletas e afeccionados de múltiples países son os puntos clave do dispositivo, de gran complexidade ao ter que coordinar a celebración de cinco campionatos do Mundo en dez días, os de aquatlón,  aquabike, dúatlon, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia.

Precisamente estas dúas últimas modalidades estiveron moi presentes na visita da ITU á  Boa Vila, xa que os representantes federativos vestiron de curto para inspeccionar os circuítos previstos, que no caso da longa distancia será, se recibe o visto e prace, o mesmo que se utilice no Campionato de España do próximo mes de agosto co obxectivo de testear o seu correcto funcionamento.

A pesar da complexidade da organización do Multisport Festival, Pontevedra móstrase confiada da súa gran experiencia previa para evitar grandes problemas e que o evento sexa todo un éxito.