As semifinais de Copa Galicia brindan este sábado o primeiro derbi pontevedrés

Pontevedra
29 de agosto 2019

Teucro e Cisne disputan o sábado, a partir das 20 horas, a segunda semifinal do campionato autonómico. A final terá lugar o domingo contra o vencedor do partido entre Frigoríficos  do Morrazo e  Balonmán Chapela

Partido de Liga entre Teucro e Cisne no Municipal
Partido de Liga entre Teucro e Cisne no Municipal / Diego Torrado

O inicio da División de Honra Prata está ao virar a esquina e os equipos pontevedreses afrontan xa a recta final da pretemporada, que chega cun atractivo derbi local entre Teucro e Cisne. Ambos os conxuntos veranse as caras o sábado en Lalín, cidade elixida pola Federación Galega de Balonmán para celebrar a final four da Copa Galicia.

Azuis e brancos saltarán á cancha este sábado ás 20 horas para disputarse unha praza na final do domingo. Antes, ás 18 horas, fixérono Frigoríficos do Morrazo e Balonmán Chapela. Todos aqueles afeccionados a este deporte poden achegarse ao Lalín Area para gozar dunha fin de semana no que se verán as caras os mellores equipos de Galicia. Ademais, a entrada é gratuíta para todos os públicos.

A final disputarase o domingo ás 20 horas entre os dous conxuntos vencedores das eliminatorias da xornada previa. O ano pasado o vencedor deste torneo foi o Teucro, que derrotou ao conxunto do Morrazo por un axustado 34-33 tras unha asombrosa remontada no segundo tempo.