O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo (16:30 horas) o Rápido de Bouzas en busca da súa segunda vitoria consecutiva na liga e duns tres puntos que permitan mirar un pouco máis alto na táboa.
Será un duelo no que o terreo de xogo será protagonista polas súas características de dimensións, superficie sintética sen ser de última xeración (2009) e mesmo polas condicións meteorolóxicas previstas.
"Es un campo que te condiciona el juego y que ellos tienen muy dominado", asegura Luismi, o que provoca que tanto as segundas accións como as xogadas a balón parado "ganen mucha más importancia", entende o técnico.
Ante esta situación "seguramente habrá variantes porque es un partido muy diferente", avanzou o preparador granate sobre o once inicial que saltará ao Baltasar Pujales.
Trátase ademais dun encontro no que "la clasificación pasa a segundo plano", cun Rápido penúltimo clasificado pero que nas últimas xornadas tras o cambio no banco mudou a súa imaxe e empezou a sumar puntos. Encadea de feito tres empates consecutivos e só unha derrota no últimas seis xornadas.
No apartado de baixas, o Pontevedra contará coas únicas ausencias por lesión de Nacho López e Álex Fernández, mentres que os 19 futbolistas restantes do primeiro plantel viaxarán a Vigo, onde se realizará un descarte para completar a convocatoria. Pola súa banda o Rápido contará coa ausencia de Corbalán por sanción.
O choque contará cunha entrada de 15 euros para o público e será arbitrado polo colexiado madrileño Manuel Ángel Pérez Hernández.