A Vuelta a España abandona as Rías Baixas despois de tres intensas etapas que encheron de colorido as estradas da provincia.
Nesta terceira xornada, con saída en Vigo e chegada no Miradoiro de Lobeira, o peloton da carreira puido gozar dun grande apoio nas marxes da estrada durante todo o percorrido (184,8 quilómetros), pasando por Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, O Grove, Dena, Ribadumia, Meis, Vilagarcía, Vilanova e A Illa antes de volver a Vilagarcía e afrontar a suba ao Miradoiro de Lobeira, porto de terceira categoría que puxo colofón a unha xornada moi movida.
A aparición do vento elevou os nervios dun pelotón que sufriu cortes e varias caídas nas que se viron implicados homes importantes como o corredor do Orica Simon Gerrans, que quedou cortado, ou o ciclista do Sky Sergio Henao.
Antes o guión da etapa fora similar ao do día anterior, cunha escapada de case 150 quilómetros con Fabricio Ferrari, Cyril Bessy, Pablo Urtasun, Vicente Reynes e Luca Dodi que foi neutralizada a 37,5 quilómetros de meta.
Nas primeiras ramplas da suba final ao Miradoiro de Lobeira comezaron os ataques por conseguir o triunfo parcial. Primeiro foi José Antonio Flecha, seguido do campión italiano Santaromita, dous ciclistas que non puedieron facer nada ante a exhibición de forza do estadounidense Christopher Horner, quen superou a Santaromita para facerse coa vitoria e de paso co liderado da Vuelta a España.
Detrás de Horner, que con 41 anos se converteu no gañador máis veterano dunha etapa en Vuelta, Giro ou Tour, chegaron Alejandro Valverde e Joaquim Rodríguez, que bonificaron con 6 e 4 segundos segundos respectivamente rabuñando un pequeno botín a Nibali, ao que ademais avantaxaron en 3 segundos na liña de meta.
Este martes a carreira abandona definitivamente a provincia de Pontevedra cunha etapa de 189 quilómetros entre Lalín e Fisterra.