As regatistas Paula e Paloma González e a atleta Carolina Santos reciben o recoñecemento do Concello de Poio

Poio
04 de novembro 2021

As irmás González son recentes gañadoras do Campionato de España de Vela na Clase Vauren, mentres que Carolina Santos proclamouse campioa autonómica xuvenil nos 5.000 metros

Recepción no Concello de Poio ás deportistas locais Carolina Santos e Paula e Paloma González
Recepción no Concello de Poio ás deportistas locais Carolina Santos e Paula e Paloma González / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, recibiron este mércores na Casa Consistorial a tres deportistas locais que non deixan de colleitar éxitos. Trátase das irmás Paula e Paloma González, recentes gañadoras do Campionato de España de Vela na Clase Vauren, e a atleta Carolina Santos Villalón, que a finais de setembro se proclamou tamén campiona autonómica, en categoría xuvenil, nos 5.000 metros.

Todas elas recibiron de mans do rexedor local un obsequio conmemorativo como recoñecemento non só aos grandes resultados que están a acadar, senón tamén polo seu esforzo e espírito competitivo.

Ademais, tal e como lembraron tanto o Sobral como Caldas, Paloma, Paula e Carolina "son grandes embaixadoras do noso municipio, que presumen con orgullo das súas raíces poienses en cada competición na que participan". O Concello deséxalle moitos éxitos nas súas traxectorias deportivas ás tres deportistas, que, malia a súa xuventude, xa son todo un referente nas súas disciplinas.