As protestas polo peche da piscina olímpica trasládanse ao centro da cidade

Pontevedra
30 de marzo 2022

Os clubs afectados pola decisión de Supera de pechar o Complexo Deportivo Rías do Sur concentráronse este mércores ante o ximnasio que a empresa ten na céntrica rúa Blanco Porto

Protesta polo peche de Rías do Sur ante o ximnasio de Supera na rúa Blanco Porto
Protesta polo peche de Rías do Sur ante o ximnasio de Supera na rúa Blanco Porto / Mónica Patxot

A decisión da empresa Supera de pechar por completo o Complexo Deportivo Rías do Sur a partir do próximo venres 1 de abril tivo como resposta este mércores unha nova concentración de protesta.

Nesta ocasión os clubs deportivos afectados polo peche decidiron mostrar o seu enfado coa decisión no centro da cidade, en lugar de facelo como hai uns días ás portas da propia instalación de Ponte Muíños.

Así, e durante espazo dunha hora, protagonizaron unha ruidosa concentración ante o ximnasio 24 horas que a empresa ten na céntrica rúa Blanco Porto.

Portando de novo o lema #LaOlímpicaNoSeCierra, os deportistas, familiares e usuarios asistentes quixeron deixar claro que seguirán loitando por conseguir que Rías do Sur recupere canto antes a súa actividade normal.