Tamén na Segunda RFEF a decisión do Comité Técnico de Árbitros (CTA) de ser máis estritos coas protestas dos futbolistas está a facerse notar.
Así se reflicte de feito nos datos do Pontevedra Club de Fútbol nas seis primeiras xornadas do campionato, e é que un terzo das súas amoestacións chegaron por discutir decisións arbitrais.
En total os granates viron 15 cartolinas amarelas, incluíndo as dúas que supuxeron a expulsión de Yelko Pino contra o Fabril. Delas cinco foron por protestar.
Só en dous encontros, na vitoria da primeira xornada contra o Valladolid Promesas e no triunfo en Langreo, os colexiados non mostraron cartolinas ao cadro pontevedrés por esta circunstancia.
Cabe lembrar que ao comezo de curso, nunha circular, o CTA instou os árbitros a "sancionar disciplinariamente a aqueles que protesten as decisións arbitrais ou fagan xestos ostensibles de desaprobación", dando a opción de diálogo co equipo arbitral ao capitán de cada equipo e indicando que "o resto de xogadores non poden aproximarse a ningún membro do equipo arbitral mostrando desconformidade con calquera das decisións tomadas. En caso de incumprimento, serán amoestados".
O xogador do Pontevedra máis castigado por esta circunstancia está a ser Yelko Pino. Unha protesta custoulle ver a cartolina vermella contra o Deportivo Fabril, e tamén viu senllas amarelas en Soria contra o Numancia e no último partido de liga fronte ao Marino, tras un penalti non sinalado sobre el mesmo e tras protestar iradamente con espaventos.
Ademais fronte ao Compostela Churre viu unha amarela por protestar e a Dalisson ocorreulle no choque contra o Marino.
En total, na lista de amoestados, Samu Mayo e Dalisson contan xa con tres amarelas cada un, Yelko Pino acumula dous (máis unha vermella por dobre cartón), Churre outras dúas e Rufo, Garay e Mario Gómez unha cada un.