No deporte da vela, os aspectos técnicos e tácticos son máis determinantes para o resultado final que o rendemento físico dos deportistas. Con todo, en competicións do máis alto nivel, o óptimo desenvolvemento físico dos regatistas resulta clave á hora de extraer as máximas prestacións á embarcación.
Partindo desta idea, investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo traballan, no marco dun contrato de I+D, na avaliación, deseño e execución dun programa de preparación física para os integrantes do programa de tecnificación da Real Federación Galega de Vela.
O proxecto abarca tanto o deseño e o desenvolvemento das sesións de adestramento, como a realización dunha serie de avaliacións do rendemento aos deportistas e o apoio aos técnicos da federación na planificación anual do adestramento.
Nel participan vinte mozos e mozas, seleccionados para o programa de tecnificación CGV-CGTD da Federación, do que forman parte “regatistas de toda Galicia”, como explica o seu director deportivo, Bruno Gago. Trátase de regatistas que obteñen unha bolsa polos seus resultados e que se forman como deportistas de alto nivel nas instalacións do Centro Galego de Vela (CGV), en Vilagarcía de Arousa, así como, en tres dos casos, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), en Pontevedra.
“Son mozos de 16 e 17 anos, cos que o traballo, ás veces, non é tan específico, senón orientado a un desenvolvemento motor básico co que evitar descompensacións e xerar unha mellor condición intra e intermuscular, que é o que despois lles vai a permitir dar un salto de calidade”, explica o decano da facultade e coordinador destes traballos, Óscar García.
Coa participación do integrante do laboratorio Ginés Martínez, o proxecto ten como punto de partida a realización dunha serie de avaliacións de rendemento, “orientadas ao sistema neuromuscular e desenvolvemento motor” e que abarcan probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade, mobilidade articular, control postural e asimetrías laterais e funcionais.
En base aos resultados, defínese o plan e as sesións de adestramento que coordina Martínez e que levan a cabo tres veces por semana no CGTD, neste cos tres deportistas do programa que se forman neste centro. Martínez acode, á súa vez, ao CGV, onde se desenvolven “os adestramentos específicos” co conxunto de regatistas, explica Gago, posibilitando así “un seguimento ao completo” dos 20 participantes.
“O ano pasado tivemos unha experiencia piloto con eles e foi francamente ben”, recoñece García das sesións de traballo físico levadas a cabo por Martínez cos regatistas do CGTD que comezaron xa a pasada tempada. “Penso que demos un paso adiante moi grande na procura do rendemento e a optimización”, engade Gago, que incide en que este proxecto permítelles “crecer na dirección do ámbito rendemento”, un ámbito no que a vela en Galicia ten “moita marxe para mellorar”, xa que, por exemplo, tan só conta con regatistas no CGTD desde hai cinco anos.
"Si que é certo que, polas especificacións do noso deporte, a parte técnica á hora de levar a embarcación e a parte táctica son moi determinantes, pero isto é así a niveis básicos”, destaca Gago. “A partir de aí, o crecemento físico dos deportistas marca a diferenza, tanto na prevención de lesións como no aumento de forza para conseguir sacar un mellor rendemento ás embarcacións”, subliña o director técnico da federación.
Neste punto, o traballo dos investigadores de Ciencias da Educación e o Deporte centra, en primeiro lugar, “a maior carga de traballo no desenvolvemento dos propios mozos”, como explica García. O obxectivo, sinala, é “construír uns cimentos potentes”, que permitan evitar, por exemplo, “que un regatista teña unha escápula alada (óso plano que se atopa no ombreiro con posible lesión por sobrecarga), xa que despois cando a intensidade do vento sexa maior e teña que cobrar driza, vai ter dificultades”, para a partir de aí comezar a traballar xa en “aspectos específicos” relativos ás necesidades deste deporte en termos de rendemento físico.