As novas restricións rebaixan aínda máis o aforo de eventos deportivos: máximo 150 espectadores con condicións

Pontevedra
05 de novembro 2020

Segundo aclara o boletín especial do Diario Oficial de Galicia (DOG), nas zonas de maior restrición como é a área de Pontevedra redúcense aínda máis os aforos máximos tanto en eventos deportivos baixo teito como ao aire libre  

Bancada de Pasarón con limitación de espectadores durante o partido de liga entre Pontevedra e Unionistas
Bancada de Pasarón con limitación de espectadores durante o partido de liga entre Pontevedra e Unionistas / Cristina Saiz

O boletín especial do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado a última hora do mércores aclarou que medidas adoptaranse en relación a diversos ámbitos para tentar conter os contaxios de Covid, e o deporte non é menos.

Entre os aspectos destacados desta normativa autonómica atópase a asistencia a eventos deportivos, que aínda que se segue permitindo no que respecta ao deporte federado, verase afectada por novas limitacións nas áreas que como Pontevedra están no máximo nivel de alerta.

"A celebración de eventos deportivos, adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións deportivas ou na vía pública poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de 30 persoas para lugares pechados e de 75 persoas se se trata de actividades ao aire libre", sinala o DOG, o que supón reducir aínda máis os permisos que se atopaban en 60 e 150 persoas respectivamente.

Ese límite, con condicións, "poderase ampliar ata un máximo de 50 persoas para lugares pechados e 150 se se trata de actividades ao aire libre", reflicte o texto, sempre previa autorización da Dirección Xeral de  Saúde Pública atendendo a unha serie de medidas organizativas.

Esta situación na práctica supón reducir á metade os aforos que actualmente estaban a ser aprobados en espazos como o Pavillón Municipal dos Deportes ou no Estadio Municipal de Pasarón, onde nas dúas últimas xornadas de liga puideron acceder 300 socios do Pontevedra.

As medidas prolongaranse inicialmente por espazo dun mes, polo que afectarán en maior ou menor medidas a todos os clubs da cidade que disputan competicións nacionais.

PRÁCTICA DEPORTIVA

No que respecta a a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, a Xunta de Galicia matiza que "poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, no seu caso, o monitor".

Pola súa banda en centros deportivos e ximnasios, que poderán permanecer abertos, "poderase realizar actividade deportiva de forma individual, sen contar, no seu caso, o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida"