Mike James, máximo anotador histórico da Euroliga e xogador referente do AS Mónaco, mostrará as súas habilidades na pista do Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra o 13 e o 14 de setembro.
Será a gran estrela da novena edición doTorneo EncestaRías, a segunda que se celebra na cidade do Lérez, que ofrecerá unha participación de alto nivel baloncestístico ao contar coAS Mónaco, o Valencia Basket, o CB Breogán e o Leyma Coruña como equipos participantes.
Este martes Diego Doval e Iván Villar, coordinadores do evento deportivo, presentaban con Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións, e Anabel Gulías, concelleira de Deportes, esta edición despois do éxito logrado en 2023 coa presenza de 1.500 espectadores nas bancadas do pavillón pontevedrés, malia coincidir coa Feira Franca.
Nesta ocasión, as entradas anticipadas estarán á venda para partir do xoves 1 de agosto a través de Ataquilla. Tamén se poderán adquirir persoalmente nas tendas Goleada de Pontevedra e Mobu Deportes de Vilagarcía de Arousa.
Establécense abonos de corenta euros para os catro partidos e, segundo explicaba Diego Doval, o prezo reducirase para o público xuvenil.
Tamén se porán ao dispor abonos especiais de 90 euros para dous seniors e tres menores; ou a opción Four Friends coa que catro amigos poderán acudir por 140 euros.
O torneo iniciarase ás 19.00 horas do venres 13 co encontro entre o Leyma Coruña e o Valencia Basket. Ás 21.15 horas iniciarase a segunda eliminatoria entre o Breogán lucense e o AS Mónaco.
O sábado ás 18.00 horas terá lugar a final de consolación e, ás 20.15 horas, disputarase a gran final.
O evento será transmitido por Live Stream e Youtube.
Ademais, Doval anunciou que está previsto un concurso de triplas e outras actividades sorpresa co obxectivo de dar un "compoñente popular".
Nesta edición o vencedor do campionato francés; o renovado Valencia Basket, gran candidato a gañar a Eurocup; e os dous equipos galegos que militarán esta tempada na liga ACB garantirán espectáculo coa presenza de xogadores como Mike James, Nick Calathes, Jaime Pradilla, Xabi López-Arostegui, Huskic ou Aratinovic.
Desde a organización do evento e desde o Concello de Pontevedra lembrábase tamén á figura de Maite Méndez, adestradora do CB Arxil falecida este 2024, quen foi a principal valedora para que este torneo celebrásese en Pontevedra.