A Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía, xunto coa dirección técnica e de seguridade da organización do XIII Tríatlon de Vilagarcía, acordaron o aprazamento da proba prevista para este domingo 5 de maio debido ás intensas chuvias que se están a rexistrar e que, segundo a previsión, "continuarán en grande cantidade".
"Estanse a formar numerosas balsas de auga no segmento ciclista", lamentan desde a organización, que asegura que esta situación suporía un elevado risco para a integridade dos participantes.
Por iso, decidiron aprazar a celebración do tríatlon co obxectivo de "garantir a seguridade dos deportistas e pensando en ocasionar os menores contratempos posibles. Lamentamos os inconvenientes que esta decisión poida ocasionar, pero para a Fundación de Deportes e a dirección técnica do tríatlon, a seguridade e o benestar dos participantes está por riba de calquera outra cuestión".
Agora, a organización do XIII Tríatlon Concello de Vilagarcía e a Federación Galega de Tríatlon están a traballar para poñer nova data ao evento deportivo que, "case con toda probabilidade", será no mes de setembro debido a elevada ocupación do calendario nacional e autonómico para os vindeiros meses.