Logo do izado de bandeira do pasado venres na Praza de España ao ritmo das Tanxugueiras, este martes ás 12 horas ábrense as inscricións para os triatletas interesados en participar na gran final das series mundiais na categoría de grupos de idade.
O prezo das inscricións, como no caso do Mundial Multideporte de Eivissa e do Campionato de Europa de Madrid, está subvencionado cun desconto de ata o 50 % pola Federación Española de Tríatlon.
Trátase dun evento que pasará non só á historia da cidade de Pontevedra, tamén á do deporte español xa que por primeira vez a cita máis importante do tríatlon mundial celebrarase en España.
Pontevedra terá a honra de recibir aos mellores triatletas do mundo chegados desde todos os puntos do planeta, converténdose así no epicentro mundial do tríatlon, durante os días da competición, do 20 ao 24 de setembro de 2023.
"Pontevedra demostrou en múltiples ocasións que o ten todo para acoller probas de tríatlon de primeiro nivel. Estamos encantados de volver aquí para a Final das Series Mundiais. Esta cidade soubo ser unha fantástica anfitrioa de múltiples citas no calendario de World Triathlon, e estou segura de que estará máis que preparada para dar a benvida aos mellores triatletas do mundo", dixo a presidenta de World Triathlon e membro do COI, Marisol Casado.
A Final da Series Mundiais é a xoia da coroa do calendario anual do tríatlon mundial e Pontevedra recolle a remuda este ano de Abu Dabi que albergou a Gran Final en 2022. Na cidade galega, coroaranse os Campións do Mundo de tríatlon Elite, Sub23 e Paratriatlón, así como os campións mundiais de distancia Olímpica, Super Sprint e Aquabike por Grupos de Idade.
Esta gran final das Series Mundiais de Pontevedra será o colofón a un 2023 histórico para o tríatlon español xa que o país albergará tamén o Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte Eivissa 2023 do 29 de abril ao 7 de maio e o Campionato de Europa de Tríatlon de Madrid do 2 ao 4 de xuño.