As 'Guerreiras' e os 'Hispanos' xogarán esta primavera en Porriño e Lalín mentras que Pontevedra acollerá a Copa 5x5 de balonmán na rúa

Pontevedra
12 de febreiro 2024

A Deputación de Pontevedra acolleu este luns a presentación destes eventos deportivos nun acto celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial  

Presentación dos partidos de balonmán das seleccións absolutas feminina e masculina
Presentación dos partidos de balonmán das seleccións absolutas feminina e masculina / Deputación de Pontevedra

As seleccións absolutas feminina e masculina de balonmán xogarán dous partidos oficiais no Porriño e en Lalín nos meses abril e maio mentras que a cidade de Pontevedra acollerá a primeira edición da Copa5x5 de balonmán na rúa.

A Deputación de Pontevedra acolleu este luns a presentación destes eventos deportivos nun acto celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial ateigado de nenos dos equipos da base do Balonmán Porriño e no que participaron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López a vicepresidenta primeira e responsable da área de deportes, Marta Fernández-Tapias; o presidente da Real Federación Española de Balonmano (RFEBM), Francisco Blázquez; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; e os alcaldes de Porriño e de lalín, Alejandro Lorenzo e Jose Crespo.

Luis López destacou o "grandísimo nivel" deste dous encontros e lembrou que "Pontevedra es una provincia pequeña en territorio, pero muy grande en deporte" ocupando o Balonmán un lugar destacado.

O vindeiro 7 de abril no Concello do Porriño, a selección absoluta feminina, coñecidas como as ‘Guerreiras’ xogarán contra o combinado de Azerbaiyán nun encontro clasificatorio para o Campionato de Europa deste ano 2024. 

E o día 8 de maio, no Lalín Arena xogarán o seu partido os ‘Hispanos’, alcume da selección absoluta masculina, que enfrontarase a Serbia no choque de ida dunha eliminatoria a dobre partido co billete para o mundial do próximo ano en xogo.

Por outra banda, no mes de xuño terá lugar a primeira edición da Copa 5x5 Deputación de Pontevedra, un torneo de categorías de base na que durante seis días as nenas e nenos dos equipos da provincia amosarán todo o seu potencial nunhas canchas que se instalarán na propia rúa na capital. 

Luis López agradeceu o labor dos clubs, dos adestradores e das familias para construír cada día unha base tan sólida coma a do balonmán pontevedrés, e a vicepresidenta Fernández-Tapias, recalcou tamén a transcendencia da visita da selección feminina para seguir dando visibilidade ao deporte feminino. 

Pola súa banda, o alcalde do Porriño destacou as máis de 2.000 licenzas que ten o club e as numerosas actividades que organiza para fomentar o deporte. Mentres que en Lalín, o rexedor afirmou que "o balonmán no noso pobo é unha relixión". 

"Porriño, Lalín y Pontevedra son templos para el balonmano gallego y nacional", dixo o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. Mentras que o titular da RFEBM, Francisco Blázquez engadiu que esta  "es una de las provincias de más apoyo y en la que más se trabaja".