A Federación Española de Tríatlon emitiu este domingo un comunicado no que pide a suspensión dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokio ante a dificultade de que poidan levar a cabo con garantías nestes momentos.
Esta decisión afecta directamente a Javier Gómez Noya, que non poderá participar en ningunha actividade de tríatlon ata, nun principio, o 30 de abril (data que estableceu a ITU para manter suspendidas as súas actividades).
Desta maneira e, aínda que o triatleta está a realizar adestramentos na súa casa para non perder a forma física, a preparación non é suficiente para competir en concidiones na cita olímpica.
Así, a Xunta Directiva da Federación Española de Tríatlon e debido á situación que se está vivindo pola pandemia causada polo coronavirus, expoñen que "as entidades que rexen o deporte, cada un nos seus respectivos ámbitos e territorios, debemos ser consecuentes coa situación existente. Iso neste momento pasa indefectiblemente pola toma de decisións que, aínda por ninguén desexadas, antóllanse necesarias por un só motivo, que non é outro que priorizar e velar pola saúde das persoas."
Posto que os deportistas e os equipos nacionais non están a levar unha adecuada preparación para a cita e descoñécense os prazos e períodos nos que se poderá retomar a actividade de forma normalizada, e poñendo por diante a súa seguridade, consideran que é necesario suspender os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokio nas datas previstas inicialmente e pospoñendo a súa celebración.
A Federación Española de Tríatlon, é a última en sumarse á petición iniciada esta fin de semana polas Federacións de Atletismo e de Fútbol, considerando, todas elas, que as condicións para afrontar a cita non son as adecuadas e debe prevalecer a saúde e o benestar de todos por encima de calquera cousa.