As entradas para o Pontevedra-Mensajero, tamén no centro da cidade

Pontevedra
28 de maio 2015

O club habilita dous novos puntos de venda no centro da cidade e informa de que xa se despacharon 4.500 entradas para o partido

Venda anticipada de entradas para o Pontevedra-Mensajero
Venda anticipada de entradas para o Pontevedra-Mensajero / Daniel Santomé

O Pontevedra Club de Fútbol pretende que o Estadio Municipal de Pasarón presente o mellor aspecto posible o próximo domingo no partido de volta do play-off ante o Mensajero, polo que decidiu ampliar os puntos de venda anticipada.

Segundo o club, o ritmo de venda segue sendo elevado e vendéronse xa 4.500 entradas para o choque, entre suplementos de socio e entradas de público.

Ata agora o Estadio Municipal de Pasarón era o único punto no que os afeccionados podían retirar a súa entrada. Non obstante durante a xornada do venres sumarase o Restaurante Casa da Oliva (de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:00) e o sábado a Cafetaría Carabela (de 11:00 a 14:30 horas).

Os datos traladados polo Pontevedra sinalan que se esgotaron as 1.000 entradas para menores de idade ao prezo de 1 euro que coas que recibían unha camiseta de regalo. En relación ás entradas subvencionadas a menor prezo (1.000 para a bancada de Preferencia, outras tantas para Fondo Norte e outras para Fondo Sur) durante a tarde do xoves aínda quedaban á venda 350 de Preferencia, 250 de Norte e 500 de Sur.

Ademais, para dar unha maior visibilidade ao encontro, durante a mañá do sábado responsables da entidade e membros do primeiro plantel terán presenza no centro urbano, reuníndose sobre as 13:30 horas nas inmediacións da Praza da Ferrería.